A festa das letras galegas segue a súa travesía pola bisbarra

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

O Liceo de Noia declarou deserto o premio do seu certame literario

19 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Parece que a crise que estamos a vivir non é só económica, senón tamén artística. Barbanza é unha bisbarra na que desborda o talento literario, pero a xulgar polo que ocorreu no Certame de Relatos Liceo de Noia, moitos creadores non atopan inspiración nestes tempos tan grises. A entidade tivo que declarar deserto o premio ao non presentarse obras da calidade que esixe un concurso que chega este ano a súa décima edición e non acostuma a recibir traballos de pouco nivel. Esta decisión deuse a coñecer o venres pola tarde, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas e cando se sucederon os actos por diferentes concellos para reivindicar a cultura.

A participación foi moito menor que outros anos, cando se contaban por ducias os relatos que optaban a lograr o galardón, nada desprezable. O gañador recibiría en metálico mil euros e a súa obra publicaríase na revista Alameda para a súa difusión.

O xurado

Desde o Liceo de Noia faise un chamamento á sociedade para que o certame volva ao seu esplendor. O presidente, Óscar Prego, non atopa explicación ao que aconteceu nesta edición, pero confía en que nos próximos anos as tornas cambien. Cabe destacar que o xurado que declarou este premio deserto estaba formado por Agustín Agra, Olga Patiño, Rosa Aneiros e Ramón Carredano. O acto pechouse cunha actuación da coral polifónica da entidade.

Tamén en Porto do Son celebrouse o Día das Letras Galegas por todo o alto e cunha entrega de premios na que quedou demostrado que a literatura galega ten futuro. Os nenos foron os grandes protagonistas. No certame deste ano foron galardoados Indhira Fernández, Moisés Hermo, Sophía Fernández, Lorena Lijó e Rocío Leiro. Antes da entrega de premios houbo un contacontos para o deleite dos cativos e do público que asistiu ao acto na casa de cultura de Porto do Son.