«Para amar a alguén non se precisa un concepto teórico do amor»

EME CARTEA

FIRMAS

Exerce a docencia en Madrid e bota de menos a terra, a familia

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Recordo a Pedro como un adolescente amable, con aires algo xa profesorais, pulcro no dicir e no facer, reflexivo, sempre incisivo na crítica, nunca descortés. Aqueles tempos irrepetibles de Ancoradoiro, nos que se tocaba e se discutía do sexo mesmo das gaitas, e, sobre todo, da súa evolución, de banda a grupo folk. Pero medrastes demasiado pronto, ai! E logo, a diáspora.

-A música na túa formación persoal. Ancoradoiro, «algo máis ca unha agrupación musical»?. Xa se che esqueceu tocar a «Muiñeira de Chantada»? E o grupo Gueimaría?

-Un gaiteiro endexamais deixa de selo, aínda que agora, como é obvio, percorro outros camiños. Pero aínda toco. Os anos de Ancoradoiro, cos compañeiros e co mestre Pepe Romero, son anos de moi feliz recordo e, para a miña formación persoal, importantes e inesquecibles. Alí aprendemos a amar a nosa tradición musical, e que non pode haber éxito se non hai detrás moitas horas de esforzo. A paixón musical de Pepe foi decisiva para contaxiarnos o gusto pola excelencia musical que frutificou en concertos e discos. Gueimaría é un froito natural da nosa maduración persoal e musical. Modestia á parte, creo que fixemos temas fermosos.

-A saudade, entre a angustia e a esperanza. Como se vive dende Madrid?

-En Madrid dinme que Galicia está moi lonxe. Eu dígolles que o que está lonxe é Madrid, que Galicia está no seu sitio. O pobo no que vivimos, San Agustín del Guadalix, é agradabilísimo. É máis pequeno que Ribeira pero ten de todo. Porén, botamos moito de menos a familia, os amigos e a terra. Temos un pequeno río, o Guadalix, pero non o mar de Corrubedo. Teño comigo unha preciosa antoloxía de Teixeira de Pascoâes, titulada, precisamente, Saudade.

-Os teus mestres?

-Na Teoloxía crieime en Santiago no pensamento de Torres Queiruga. Tamén aprendín moito de Alfonso Novo, de Romero Pose e doutros profesores. En Madrid tamén tiven bos mestres e fun medrando con Tillich, Rahner e Pannenberg, e sigo a aprender doutros moitos autores. Agora estou rematando Filosofía.

-Como lle explicarás aos tres fillos teus que no Belén de agora non vai estar o boi nin a mula?

-O Belén é unha xenial creación de Francisco de Asís, no século XIII. A relixiosidade popular sempre recreou con liberdade os relatos neotestamentarios. Cómpre non caer na trampa dos simplismos mediáticos: ler o «Novo Testamento» é decisivo para distinguir o esencial da tradición cristiá daquilo que é secundario e mesmo creación posterior.

-En Madrid, a Igrexa fala castelán e en Cataluña catalán. Por que a Igrexa non fala galego en Galicia? Non cres que pode estar a pecar mortalmente de desprezo e soberbia?

-Encrucillada, revista galega de pensamento cristián, ten nesa reivindicación un dos seus principais sinais de identidade. Son director de Encrucillada. ¿Preciso engadir máis?

-Para crer en Deus, é preciso saber de Antropoloxía teolóxica?

-Non. Pero para dicir que significa crer en Deus, si. Para amar a alguén non se precisa un concepto teórico do amor. Pero se alguén quere dicir que é o amor, cómpre que o teña.

-Se a fe é unha graza de Deus (e sendo Deus amor), pode haber salvación para un agnóstico e mesmo ateo?

-Por suposto. Que significa «salvación»? Salvación significa plenitude, consumación, culminación da vida e do mundo. O cristianismo ten no seu cerne a confianza última e radical no amor infinito que Deus é. Se un pai ou unha nai non quere senón a plenitude máxima para os seus fillos, ¡canto máis non desexará Deus a «salvación» máxima de todas as persoas e, tamén, a de toda a creación! Vivir a vida na dinámica do amor, no que Deus mesmo consiste, é algo ao que todos estamos invitados. Sexamos crentes ou non.

-É gratificante ser profesor de Teoloxía nunha Universidade como a Pontificia Comillas? Que hai de adoutrinamento e/ou formación crítica?

-É moi gratificante. Temos un excelente clima entre os compañeiros docentes e, tamén, entre os estudantes. Parte da miña formación fíxena alí. Podo dicir que, como alumno, nunca experimentei adoutrinamento ningún. Ao contrario: ensináronnos a pensar a Teoloxía coa máxima liberdade, pero tamén con sentidiño. Como profesor iso é o que procuro transmitir. Se non hai liberdade non pode haber pensamento creativo. Pero este debe ser fundado e responsable.

-Que nos poderías contar nunha clase de Antropoloxía da sexualidade?

-Perdoa a inmodestia, pero contaríache moitas cousas e moi bonitas. Se viñeses á clase, claro.

-Como director de Encrucilla, como ves a realidade da Igrexa galega actual, no fondo e na forma?

-A Igrexa galega actual formámola todos os bautizados. En xeral vexo unha Igrexa cansa e vella. A xente nova, maiormente, está desconectada da vida eclesial. Non ve nela nada significativo para as súas vidas. Aos poucos novos que están nela, curas e leigos, véxoos máis ben continuando inercias sacramentais. Constato unha gran ignorancia do Concilio Pastoral de Galicia e unha moi baixa formación teolóxica. Pero hai excepcións. Medran os leigos interesados na Teoloxía e hai grupos de reflexión bíblica. O momento non é expansivo, pero hai esperanza. Non nos viría mal un serio revulsivo interno que nos obrigase a espertar.

ILUSTRACIÓN LEANDRO