A cultura reina en Rianxo

O programa inclúe presentacións literarias, música e a ofrenda floral

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Rianxo volve ser, unha fin de semana máis, o epicentro cultural da comarca. O Concello retomará mañá o programa dos actos Castelao, cunha serie de propostas entre as que se atopan presentacións literarias, un concerto e a tradicional ofrenda floral diante do busto do intelectual galeguista que está no paseo da Ribeira.

O muradán Samuel L. Paris será o encargado de abrir este novo ciclo de actos. Recalará mañá mesmo no auditorio da vila rianxeira para presentar Inflamable, un libro de poemas con acompañamento musical que saíu á luz da man de Edicións Positivas.

Para o sábado hai previstas dúas novas actividades. Pola mañá recalará no auditorio Jesús Fernando Román Alonso, que presentará dúas obras biográficas. Nunha delas, debulla a traxectoria de Arturo Noguerol Buján, a quen define como xornalista, arbitrista e financeiro do galeguismo; mentres que a segunda está dedicada á ética e a estética de Arturo Noguerol.

Xa pola noite, a literatura deixaralle paso á música tradicional galega, que chegará da man de Roi Casal e a súa banda. O artista segue coa xira do seu último traballo, Maxicamente vello, pero tamén aproveitará a actuación para presentar algún dos temas que compoñerán o seu vindeiro disco.

Venta de entradas

As entradas xa están á venda desde hai uns días. Poden adquirirse de xeito anticipado na páxina web www.roicasal.com ou o mesmo día do concerto, no auditorio. Iso si, no primeiro caso, o prezo é de seis euros, mentres que en taquilla haberá que desembolsar oito.

As actividades promovidas polo departamento de Cultura rianxeiro chegarán ao seu fin o domingo, coa tradicional ofrenda floral que, como ven sendo habitual, terá lugar no paseo da Ribeira, onde se atopa o busto dedicado ao escritor. Alí haberá tamén unha intervención institucional a cargo do rexedor local, Adolfo Muíños.

Ese día da clausura dos actos de homenaxe ao creador de Cousas, a vila barbancesa erguerase como epicentro cultural a nivel galego, pois está previsto que ata ela se acheguen os integrantes da Fundación Castelao que, un ano máis, celebrarán na casa consistorial de Rianxo a súa asemblea anual. O encontro está fixado para as once da mañá.

Auditorio de Rianxo

Día: Mañá

Horario: 20.30 horas

Día: Sábado

Horario: 12.00 e 20.30 horas

Paseo do Ribeira

Día: Domingo

Horario: 13.00 horas

Saber más...