Castelao e Barbantia foron da man na vila de Rianxo

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

29 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

1Rianxo debe ser a vila galega que ten maior índice de escritores ilustres por quilómetro cadrado. Non é unha afirmación nova, pero é bo lembrala de vez en cando, e o venres foi o presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica no Barbanza, Xoán Hermida, o que a pronunciou co alcalde da vila, Adolfo Muíños, ao seu carón no encontro mensual da Asociación Cultural Barbantia que tivo lugar no auditorio municipal, e que tamén coincidía coa apertura dos actos de conmemoración do nacemento de Castelao. O inmoble zumegou cultura, memoria, arte, teatro, música... un feixe de eidos que se poden encadrar nun só: creación. Por iso foron moitos coñecidos os que se deron cita.

Piano e percusión

2Para empezar e para rematar, música, e da boa. Antón Alcalde e David Galbán deixaron a todos coas bocas abertas e os ollos esgazados ca interpretación de temas ao piano e a percusión, para abrir, e un dúo de percusión, para pechar. Son artistas, son de Rianxo, termo recoñecido polos seus ilustres escritores, non cabe dúbida, pero tamén por, seguramente, ter o índice máis alto de músicos por habitante, especialmente a parroquia de Taragoña, da que saíron afamadas orquestras, agrupacións musicais e solistas. Alcalde e Galbán son unha demostración de que o legado musical ten continuidade cunha escola que está a dar que falar.

Cadros de escultura

3De Taragoña é Che Tembra, que ten a privilexiada capacidade de transformas o refugallo en arte, de facer dos ferros oxidados e da madeira desgastada cadros que amosan a arte de Castelao ou de Seoane, ademais da que xurde da creatividade do propio autor que é quen de converter en figura de folla de lata todos os personaxes da vida real, desde un Manuel Fraga cunha estrela de cinco puntos no peito, ata José María o de Protección Civil, ou o seu amigo Xesús Santos. O Tembra semella home sereno, sensato e calado, pero é capaz de facer o milagre de recuperar o inservible. E para recuperar, Aurora Marco, que fixo da investigación sobre as mulleres da república un obxectivo vital que contribuirá a recoñecer un labor ata agora silenciado.

Convidados

4A confluencia de programas facilitou que no auditorio municipal rianxeiro se mesturasen intereses culturais e, consecuentemente, os eternos seguidores de Barbantia, co seu presidente Xesús Laíño á fronte, e coñecidos rianxeiros, como o exalcalde Pedro Piñeiro Hermida, que seguiu de preto todos os actos. Botouse en falla, como non, a Manuel Dourado Deira, recentemente finado pero para o que o colectivo cultural anunciou que vai render unha homenaxe proximamente. Foi un último venres de mes frío no que atinxe ao tempo reinante, pero cheo de forzas para facer fronte a un ano que se anuncia difícil para a cultura, non así para a creación.