LINGUA PROLETARIA

Ambición e instinto

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Non sei a que será debido que na cidade abunden as pombas trencas, ou cos pés mutilados, cun simple toco no sitio dos dedos. Pregunteille a algúns coñecidos que saben cousas de animais e unha das versións que máis me sorprendeu foi a de que as ratas dos sumidoiros soben ós niños para furtar ovos e pitos, e nesa pelexa por protexer a descendencia son as pombas as que levan a peor parte.

Cústame crer que eses bichos repugnantes poidan gabear por todo un edificio para violar os apousentos das aves, tendo a ras de chan tantos desperdicios para o seu goce e proveito, pero, como Xulio di, ata os máis noxentos animais pretenden nalgún momento escalar ós cumes da sociedade sen dor polos demais.

Debe ser o único caso no que os de abaixo vencen ós de arriba, porque no día a día, entre o homo sapiens é moi raro que a quen traballa na sentina lle permitan subir á ponte, a mesturarse cos galóns. Pero... ¿por que sempre nos acordan as ratas cando hai trapalladas na política?.

Non pretendo comparar a ningún becho coas persoas, como fixeron Steinbeck, Delibes, Camus ou Zanieswski, que o cerebro dos sapiens é moito máis complexo, e sen embargo, a pesar desa complexidade, tamén actúan nel os instintos primarios, coma en calquera animal, procurando sacar tallada de onde sexa e á conta do que sexa, pasando por alto calquera pauta de conduta, para fuxir co bocado a algún agochadoiro onde gozalo sen compartir. Díganme vostedes se por ambición ou por instinto.

Logo, vendo como son estas pautas (de ambicións e instintos) entre gobernantes e gobernados, mandos e mandados, regateando bens e necesidades como refugallos de feirante, Xulio non ten dúbida de que se as ratas tivesen miolos humanos, non subirían ós tellados por instinto de supervivencia, senón por ambición de poder.

Pero do mesmo modo, se as pombiñas tivesen baixo a cachola esas complexidades encefálicas que nós temos, tamén elas baixarían ás cloacas a tomar posesión do que puidesen para cobrar alugueres, beneficencias e ata o favor de facer algún favor. E quen sabe se unhas e outras non inventarían, asemade, algunha sustancia humanicida para quitarnos de diante.

Hai ambicións lexítimas e ilexítimas e os exemplos de cada unha multiplícanse alargando mans pedichonas e tentáculos furtivos máis aló do imaxinable. Existe a ambición do inferior por subir e a do superior porque non suba, creando unha especie de valo disuasorio para que sexan tantos os problemas a resolver en cada chanzo, xa sexa co ensino ou coa sanidade, coa facenda ou cos enchufes, que lles pasen as ganas de intentar arrimar unha simple escada.

O asunto vai ser que a ambición é unha condición dos sapiens e canto máis sapiens máis ambiciosos, mentres o resto ha de conformarse con pelexar só por instinto, como pombas sufridoras ou como ratas que morden onde lles é máis doado, e que sorte para as aves que aquelas non teñan unha boca máis grande.

Daquela sería coma calquera sapiens trincador: directo á xugular de quen se opoña e correndo coa tallada para a súa Suíza ou a súa Andorra particular.