Vencer a noite: as primeiras vilas iluminadas

PEDRO GARCÍA VIDAL

NOIA

Noia e Muros poñen luz nas rúas a mediados do XIX

25 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Noia e Muros comezaron a ter luz nas súas rúas dende mediados do século XIX. Ata a chegada dese primeiro alumeado público de aceite, a vida nas vilas estaba imposta polo horario da luz solar. Coa noite, as rúas ficaban baleiras, escuras e mudas. Soamente a presenza de farois e candeas portadas por algún veciño, ou as ofrendas que en forma de candeas de cera situadas ao pé de pequenas capelas deixaban acendidas os fieis rachaban a absoluta escuridade.

Na vila de Noia, por acordo tomado pola Corporación en sesión de 30 de maio de 1852, o alumeado de aceite comeza a lucir dende o primeiro de xullo dese mesmo ano. Uns anos máis tarde, concretamente o 1 de novembro de 1863, o rexedor muradán expón ao pleno da Corporación a necesidade de establecer para a vila de Muros algún tipo de alumeado público. A escaseza de presuposto fora o motivo de non facelo antes, pero agora séntese como unha necesidade perentoria, e así o afirma: «En todo pueblo culto y de alguna vecindad el alumbrado público con el servicio nocturno de los serenos es una de las primeras necesidades comprendidas en el importatísimo ramo de la policía municipal».

Primeiros farois

O primeiro tipo de farol instalado, alimentado por un pequeno depósito de aceite, é coñecido como farol de reverbero, por mor da superficie brunida, destinada a potenciar ao máximo o reflexo da tenue luz que emite. Coa súa aparición as rúas deixan de estar en sombras e os espectáculos ou os actos sociais van adquirir a brillantez desexada.

A necesidade do seu prendido manual, para o que dispoñían dunha mecha de algodón trenzado, deu lugar á aparición da figura dos coñecidos como «serenos». Así, o coidado do alumeado e a vixilancia nocturna das rúas aparecen relacionados con frecuencia. En Muros, por exemplo, a instalación dos primeiros corenta farois de aceite que se instalaron na vila acompañouse coa creación de dúas prazas de serenos «cada uno de los cuales debe cuidar de veinte faroles y además de la demarcación que se le señale».

Nos anos finais do XIX e primeiros anos do século XX vaise estendendo o alumeado por gas nas vilas e cidades galegas. Cunhas capacidades moi superiores ao aceite, maior luminescencia e un custe razoable, o gas imporase cada vez con máis forza nas cidades e vilas de Galicia. O novo sistema vai chegar a Muros e a Noia coa estrea do novo século XX. O día 2 de febreiro de 1906, inaugurouse en Muros o alumeado público por gas acetileno.

Pero, a pesar de todos os esforzos comerciais e de produción, un implacable inimigo comeza a perfilarse no horizonte: a luz eléctrica. A vila de Noia vai dispor de alumeado eléctrico xa nos primeiros anos do século XX. En Muros no ano 1916 foi inaugurado o primeiro alumeado alimentado por electricidade. As deficiencias nestas primeiras instalacións deberon ser grandes, pois as queixas son constantes por parte de veciños e autoridades.

A rotura dos débiles postes de pino, a falta de persoal de vixilancia e reparacións, e a incompetencia daqueles que deben reparar as avarías, centran as protestas. Por iso, ter á man outras fontes de iluminación complementarias era algo imprescindible.

O farol corresponde a unha antiga iluminación na vila de Noia