Etérea bagatela

diego lema iglesias

FIRMAS

A calidade do aire no noso territorio continúa a ser clara e limpa

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Anaxímedes foi o filósofo presocrático que incluíu o aire como un dos catro elementos que posibilitan a existencia do mundo material, que xunto coa auga, a terra e o lume, e combinados en distintas proporcións, da lugar a todo o que percibimos. O concepto do aire coma un elemento fundamental foi diluíndose e esquecéndose. A falta de medios para comprender a súa relevancia e as leis que o gobernan reflectiuse nun profundo desinterese que só nos últimos anos tende a ser resolto grazas aos avances científicos.

Relegado a un segundo plano, a escasa importancia cultural atribuída ao aire pódese apreciar nas palabras de Mohandas Gandhi, cando afirmaba que os seus sonos non eran bagatelas no aire. A súa loita incansable, enmarcada nun realismo práctico, permitiu o triunfo da razón sobre a tiranía e levou a liberdade e a dignidade ao seu pobo coma nación.

A pesar da falta de interese e do descoñecemento xeral da composición e comportamento do aire, as sociedades medievais e modernas foron conscientes de que a súa calidade era un factor transcendental como vehículo de transmisión de certas doenzas infecciosas. Neste eido, as curiosas máscaras que os venecianos portan durante a celebración dos seus carnavais son testemuña da crenza medieval do aire coma medio de contaxio da peste negra que a mediados do século XIV asolou Europa. O deseño da máscara atendía a un criterio de illamento do doutor e dos seus axudantes do aire portador das supostas partículas infecciosas procedentes dos doentes. Esta crenza contribuíu á expansión da enfermidade nun contexto de pobreza e malnutrición xeneralizada que constituíu a sentenza de morte de milleiros de persoas no vello continente.

A Revolución Industrial evidenciou as consecuencias das actividades humanas na atmosfera. O século XVIII foi o preludio dun desenvolvemento industrial que acelerou a emisión por combustión de grandes cantidades de compostos gasosos e pequenas partículas. Axiña, as grandes áreas industriais cubríronse dunha néboa tóxica permanente que os anglosaxóns denominaron smog.

O berce dos estudos de contaminación atmosférica sitúase na Inglaterra dos anos 50. Nestes tempos nos que Europa vencía a xenreira sementada durante séculos entre os seus pobos, as autoridades inglesas percatáronse de que o número de mortos aumentaba cando acontecían episodios de smog nos fríos invernos londinienses.

Posteriormente, a comunidade científica publicou numerosos estudos centrados na presenza e toxicoloxía de diversas substancias presentes no aire. Os coñecementos adquiridos foron reflectidos nunha lexislación ambiental que avanzou paseniño ata os nosos días. As ferramentas de biocontrol da calidade atmosférica e da bioacumulación dos tóxicos presentes no aire son actualmente os principais campos de investigación no control da calidade atmosférica.

Hoxe somos conscientes de que o aire non é unha bagatela etérea. Da súa calidade depende a nosa saúde. Afortunadamente, e de momento, na inmensa maioría do noso territorio, os airiños dos poemas rosalianos continúan a ser claros e limpos.

A Revolución Industrial evidenciou as consecuencias das actividades humanas na atmosfera