«O cura de Taragoña era un santo e facíanlle boicot porque non cobraba»

EME CARTEA

FIRMAS

Che converte en arte materiais de refugallo aos que dá forma

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

-Quería falar con Che Tembra, por favor. Son Cartea.

-Si, coñézote ben. Inda sigo emocionado polo que dixeches na presentación do Anuario 2011, o

dos mortos contra o franquismo.

Nunca falara co Che. Pero esa confesada emoción fixo del o mellor dos retratos posibles: o dos sentimentos e as ideas. Despois de fotografar a exposición, na galería Sargadelos, por proximidade e poder evocador, o Rick?s. Ao chegar, decátome de que vou sen cartos, pero o Che tranquilízame: «Pago eu». E logo foron caendo os cafés, adozados coa nosa grata conversa.

Confirmada a sospeita: Che Tembra é persoa entrañable, tenra, sinxela, alma fráxil de artista, conversador infatigable. Fálame da súa vida, do home, do artista. Sempre sentiu a chamada da vocación, pero non exerceu porque había que traballar, e todo era pouco.

Con 14 anos empeza a traballar nun taller de mecánica de barcos, onde aprende a domar as mans e o ferro na nobre arte de manufacturar apeiros de mar e labranza. A lista é longa: rastros para o arume e a ameixa, sachos para mariscar e sementar o millo, sachadoras, máquinas de empalillar, grellas, ganchos para sementar o millo, arrancacoles, tarabelas, mesas, pasamáns, lámpadas, percheiros, letras e números, pugas, cravos para dornas. Ademais, xogos populares (bolos celtas, xogos de chave, carros de costas, zancos, aros, petanca... Mesmo fixo o portal máis grande de Rianxo, para o estaleiro do Bicho, sito na Carballeira.

Así foi perfeccionando a técnica da escultura, de xeito autodidacta. De amanuense a artista. Soldadura eléctrica, ensamblaxes con remaches e parafusos, a composición.

Coñece a forxa de fol pero usa a de ventilador (manual ou de motor) por comodidade. E a zafra, martelo, talladeira, cicel, tenaces, trade e lima; tamén a rebarbadora e o dremel... pero prefire ser fiel a Vulcano.

Con estes vimbios indago sobre o oficio de escultor, e na cara de seu leo a resposta. Vive a escultura coma unha paixón que inicia dando forma a materiais de refugallo cos que amobla o seu taller e a súa fantasía: ferro, aceiro inoxidable, bronce; a madeira como soporte; os plásticos e a fibra de vidro non teñen nobreza. E carbón vexetal, de Montouto, que mestura con piñas e casca de piñeiro, para restarlle calor.

Pregunto sobre os tons de ferruxe, e mesmo da cor. Agás a cor das pezas do inicio (que abandonou por consello de Raúl Gil) só óxido logrado con ácidos: a augaforte, o ferroné... «Mira como teño as mans do seu uso». E con elas innova fórmulas secretas de autor para as gamas de enferruxamento, coas que logra profundidade e perspectiva, precisamente.

«Inspiración?, pois xornais, revistas, a natureza, paisaxes, o azar». Foxe do realismo explícito con xestos expresionistas -«Que se jodan»-, e mesmo irónicos e surrealistas (o caso do burro «cornudo»). Toques de retranca ou «piques», como el me di. E a temática é vasta e variada, dende o folclore á actualidade social. Pero se algo sobresae como modelo é a case obsesión por Castelao: «Teño na casa uns cincuenta Castelaos». Pero tamén Dieste, Valle-Inclán, o Cura de Fruíme, Rey Romero, vilas, romarías... Agora está coa portada de Charamuscas, que Brea Segade e Dieste fixeron na guerra de Marrocos (1923), reeditada en facsímile polo Consello da Cultura Galega.

Memoria de elefante que puxo a proba en múltiples historias vividas. Aproveito para saber sobre a súa traxectoria política. Sorpresa!: foi militante do PCOE, de Enrique Líster, no que entrou da man de José Esperante Caamaño, carniceiro taragoñés. En Taragoña tivo 15 afiliados. E neste partido coñeceu o outro Che, Luís González Tosar, do Irixo -antes acérrimo nacionalista, e máis tarde escorado á dereita por ideas alimenticias-, con quen eu compartín piso, militancia e ideais antes da súa viraxe. O que vos é a vida! E de Líster conserva o noso Che taragoñés a seguinte frase: «Na sociedade capitalista tes que facer coma os capitalistas». Meu deus!

Logo faríase simpatizante do Bloque, ben aconsellado polo seu sobriño Alberto Piñeiro. Outra sorpresa! Garda Memorias de un luchador, e Basta, con dedicatoria de Líster: «Muy cordialmente al compañero de lucha, Tembra. De Enrique Líster». O Líster de Ameneiro (Calo) que empezou de canteiro e rematou Xeneral.

Unha das lendas urbanas da que me fala é a rivalidade de Taragoña contra Rianxo. «Os de Taragoña comían pan. Os de Rianxo pescado. Logo os de Taragoña eramos máis fortes: un contra cinco». E como lle brillan os ollos ao recordalo!

Tamén me fala de curas cos seus amoríos. Todo normal. «O cura de Taragoña era un santo e os outros facíanlle boicot porque non cobraba. Asados botou o seu por saltaventás». E nace a copla popular, de escarnio e maldizer: «Taragoña tente firme / que Asados xa caeu / e Rianxo está temblando / do medo que lle meteu». E sorrí, coa cara dun neno fedello.

En fin, cousas da vida... (e do noso Che), que diría Castelao.

ILUSTRACIÓN LEANDRO

Militante do PCOE

de Líster, quen lle dedicou dous libros

Perfeccionou a técnica da escultura de xeito autodidacta