O crime de Manuela de Cruído

XERARDO AGRAfoxo

FIRMAS

O sanguinario cabo Ríos da Garda Civil pegoulle un tiro cando recollía estaño nas minas de San Finx o 5 de outubro de 1943

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A época da explotación do volframio nas minas de San Finx constitúe un referente obrigado para estudar os anos da posguerra, un período marcado polas dificultades económicas e a represión franquista.

Nunca tal fenómeno se contemplara no val mineiro. Riadas de xentes tratando de gañar un anaco de mineral e obreiros escaravellando na boca da mina, convivían a carón dun destacamento da Garda Civil que tentaba controlar unha situación na que tamén participaba. Nesta tarefa da «benemérita» destacaron por méritos propios: o sanguinario cabo Ríos -responsable da matanza de Marselle- e o Marelo, retratado por Avilés de Taramancos coma un xinete da Apocalipse.

Como consecuencia do descontrol existente nas minas, por mor de vencer a fame coa explotación sistemática do prezado «ouro negro», sucedeu a morte desta veciña de Cruído: Manuela Martínez Iglesias, de 22 anos, estaba casada con Manuel Carou Outeiro, de 28 anos, e tiña unha filla de quince meses, María Tareixa. Como outras mozas de Lousame, cada mañá acudía ao val para conseguir unhas «pintas» de volframio coas que poder superar as dificultades do racionamento. Así foi a vida cotiá desta moza ata que o 5 de outubro de 1943 unha man homicida segou vilmente a súa vida.

Testemuñas do suceso

«Matárona dun tiro. Estaba casada e matouna Ríos. Ela non fixera nada malo». Tres frases dunha testemuña presencial. «Andaba ao estaño. Ese día chegou Ríos e comezou a dar berros. Matouna alí. Caeu redonda no chan por culpa dun disparo. O seu home choraba. Máis tarde ergueron unha cruz onde a mataron». Seis precisas frases doutra testemuña. «Eu vina alí morta. Estaba deitada. Alí quedou a pobre muller. Tivo que vir a xustiza para levantar o cadáver. A xente colleu medo e tardou tempo en volver ao charco. Matárona pola tarde. Pegáronlle un tiro pola cintura, á altura do estómago. Deixárona redonda. Había moita xente. E Ríos lavouse as mans. Todos quedamos moi asustados, pero el continuou a dar malleira no cuartel». Outro pálido retrato daquel inexplicable crime.

Do sucedido só queda o certificado de defunción existente no Rexistro Civil do Concello. Nel aparece reflectida con abraiante frialdade a causa última da morte: «a consecuencia de hemorragia interna producida por proyectil o bala de arma de fuego, según resulta de la autopsia». Testemuña da morte tamén foi o médico Don Teo: «Atendina eu. Cando cheguei, estaba morta. A Garda Civil tentou quitar do monte as mulleres e lanzou varios tiros. Entroulle a bala polo ventre. Ordenei o levantamento do cadáver. Penso que estaba embarazada. Os gardas civís vivían en San Finx. Xa pasou moito tempo».

A morte de Manuela de Cruído converteuse nun tráxico episodio da época do volframio. As necesidades dunha poboación acosada pola fame e unha Garda Civil transformada en vixilante ominosa, simbolizan os difíciles anos que tiveron que soportar os veciños de Lousame despois da Guerra Civil.

Manuela Martínez, morta en San Finx aos 22 anos