Bicentenario do gran precursor

ROMÁN ARÉN

FIRMAS

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Douscentos anos do nacemento do máis importante precursor de Rosalía, xunto con Pintos e Camino, nacido en 1812 en Outes, Añón. Non é pequeno mérito ter tocado todos os paus posibles e case os imposibles nunha lingua que tras o esquecemento dos Séculos Escuros estaba a comezar a súa andaina culta, pois o poeta da Serra non se limitou á poesía costumista, onde destaca con Alma en pena e A leiteira, nin aos epigramas humorísticos, senón que tamén foi un notable poeta elexíaco, cantando a García Tassara e Vesteiro Torres, un poeta intimista en Amor apresurado, un poeta cívico nos himnos dedicados a Galicia, culto no poema dedicado a Feijoo, e un cantor do paraíso da nenez na égloga Recordos da infancia. Foi o Virxilio de Curros para a viaxe de O divino sainete, e conta, grazas a Bel Ortega, cunha edición da súa poesía completa en galego, en portugués e en castelán. A RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas en 1966, ocasión na que se publicou este volume, acompañado dunha introdución de Álvarez Blázquez e con textos de Otero Pedrayo, Bouza Brey e Risco. Para o gran público, destacar a Vida e obra de Francisco Añón, de Ramón Blanco, en Galaxia, cunha boa síntese biográfica e unha antoloxía esencial.

«Poesías galegas» Francisco Añón Paz (Concello de Outes, 2012) Facsímile da edición da RAG de 1966. 141 páxinas