Viaxe iniciática a través das palabras Poesía

ROMÁN ARÉN

FIRMAS

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cada lector fai unha reletura diferente, co perigo de que a viaxe do autor non coincida coa do que le, pero iso é a literatura. Libro poético onde a palabra clave é limo, o sinónimo de lama, que case nos permitiría titulalo cun palíndromo: a mala lama, pois é unha viaxe ao interior do eu, mais tamén unha viaxe polas palabras, unha viaxe autoreferencial, que vai da lama da alma á fervenza das palabras. Unha viaxe celiniana ao profundo da noite, unha homenaxe a Emily Dickinson, mais tamén unha reflexión sobre o propio poema que vén confirmar a calidade de Ramón Blanco como voz poética que xa nos anunciara con Orfeu en soños en 2005. Un libro xa definido case como nun microcosmos polos paratextos previos, que comezan con Virginia Woolf: Cantas voltas dá a lama na mente, que nos leva aos lugares escuros, ao profundo da alma, aínda que esta sexa xa posmoderna e dubide de si mesma e se apostile con ironía.

Así, porque iso é a viaxe que xa a literatura comezou dende os primeiros tempos: amosar o que non se manifesta de maneira sinxela, senón o que está no máis verdadeiro e por iso no máis agochado. Xa o vello Horacio falaba nas Epístolas de somnia, terrores magicos, miracula, fagas, Nocturnos lemures, portentaque, soños, máxicos terrores, prodixios, meigas, Espectros nocturnos e portentos. E máis alá unha viaxe de amor, pois xa Tasso dicía que perduto è tutto il tempo che in amor non si spende (perdido está todo o tempo que non se gasta no amor). Esta lama da alma, esta nostalxia do limo, esta metaescrita que conserva unha intelixente narratividade, esta viaxe á noite dun mesmo pretende que ardamos na noite no tempo que nos leva. Porque somos tempo que se vai.

«Emily on the road»

Ramón Blanco. Acha escrava, 2012. Ilustracións de M.M. Reino. 77 páxinas