O sabugueiro

XABIER L. MARQUÉS

FIRMAS

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O universo da Poesía repousa sobre o Silencio...

O seu celme está feito da mesma substancia que a do miolo do sabugueiro: de baldeiro. Dun baldeiro mol, branco, coa brancura do que estivo cheo. Adivíñase polas comisuras dos seus silencios, que é como se atina co pasado dos rostros curtidos. Un ricto. Así tamén somos quen de escrutar o son do ar entre os intervalos do címbalo... Quen pode percibir eses murmurios sen a consistencia vibrante dos sons? Os toleiráns, que transitan polos seus vieiros exclusivos, uns camiños sen fin. E tamén algún Poeta, por máis que estes conserven lembranzas e arelas das súas orixes, ou semellan fuxir cara adiante na procura do inalcanzábel (un calderón no colo do sol). Unha voaxa, un argueiro, nada... Cara a onde se encamiñan eses rostros, fatigados detrás dunha ringleira de milleiros de siluetas, heliótropos na poeira, sacabeiras, que somos nós dispostos a tripar en quen non danza polo ar, en guindar a quen semella remiso a voar? Cuspide neles como se fai cun can. Esladrizádeo como se esladriza a quen non quere ser nós. Restrebeiros. Os homes precisan que calen os ceos, que os astros non badúen, que as nubes non se acugulen, que os ríos estiñen, que se axeonllen as árbores e que os paxaros, os diminutos e os corvos, nas searas, nos medeiros, preguen. Veña a nós o Reino da sede!

O celme da poesía ten a substancia do sabugueiro