Review

La Voz

FIRMAS

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Considero o consumismo como a versión respectable da heroína. O ionki de centro comercial funciona 10 horas ao día 5 días á semana para queimar máis carbón na caldeira materialista. Achegámonos ás tendas como zombis famentos de ofertas, cuspindo sobre calquera tipo de decencia, da cal presumimos continuamente. Adoutrinamos sen coñecer, bebemos do veleno mediático que aperta as neuronas ata facelas pensar que están infladas con algo máis que mentiras relatadas por algún monicreque coa man do poder acomodada no fondo da súa cavidade rectal.

Cada 4 anos rodéannos cos diferentes acenos que é capaz de plasmar o capital nun cartaz e sóltannos durante un día para que decidamos se queremos fuxir do curral. E, por suposto, sempre imos comer ao mesmo basieiro que coñecemos dende que mamabamos da teta occidental mentres esmagamos calquera opción de disidencia tachándoa de terrorista e perigosa (que existen, inda que a moitos lles interese negalo), aplaudindo cada vez que se encerra ao que pide xustiza, cada vez que se condena ao inmigrante a morte, sexa aquí ou no seu propio país.

A maior produción capitalista non son as armas ou o petróleo, senón os emigrantes potenciais. Aquel que, afogado pola miseria, se ve obrigado a marchar na procura de algo que nin el sabe moi ben que é. Pero é iso ou a morte. Ou así debería ser, segundo o modelo clásico do poder. Mais pasouse a outro nivel, están dispostos a rachar a lona que tapaba a morea de merda que nos venderon. E cando din que nos van quitar 1.000, e saímos á rúa, coas faixas, cos berros e co lume nos ollos, eles din «Bo, tranquilos, quitámosvos 500 e quedamos así de amigos, vale?». E o lume apágase. A enorme mangueira do poder conségueo de novo, e poden repetilo gratuitamente infinitas veces ata aniquilar calquera sinal do mal chamado estado do benestar. Estas accións producen unha cefalea de entre leve e mediana intensidade na poboación. O remedio: mirar o seu aparvado reflexo no espello negro, promesas e soños plasmados en alta resolución en fronte súa. Polo menos, mentres poida pagalo.