Peixes, moedas e milagres

XULIO GUTIÉRREZ

FIRMAS

A lenda di que os dedos do apóstolo están no sanmartiño

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Xesús e os seus discípulos chegaron a Cafarnaún e tiveron que pagar o imposto do templo, o Mestre recorreu a un recurso inusual: díxolle a Pedro: «vai ao lago e bota un anzol. Saca o primeiro peixe que pique; ábrelle a boca e encontrarás unha moeda. Tómaa e entrégaa polo meu imposto e polo teu». (Mateo 17,27)

Conta a lenda que os dedos do apóstolo quedaron gravados nos laterais do animal en forma de círculos negros e, contrariando todas as leis da xenética, as manchas transmitíronse aos seus descendentes, constituíndo hoxe unha característica esencial da especie. Disque tal peixe era un Zeus faber, desde entón chamado peixe de san Pedro, tamén coñecido como sampedro, sanmartiño, e peixe galo.

Así e todo, os científicos explican que eses círculos son unha adaptación evolutiva coa que o peixe confunde os depredadores que tratan de capturalo. Os peixes non teñen, en xeral, boa vista e perciben o sampedro como unha gran cabeza -da que a mancha se corresponde co ollo- pousada no fondo do mar. Cando un depredador carga contra o corpo -que debería estar detrás da gran cabeza- encóntrase dando unha dentada á auga, mentres que asiste, abraiado, á transmutación da cabeza nun pequeno peixe que escapa libre e oufano.

O sampedro é un peixe común, que habita na maioría das augas costeiras de Europa, Asia, África e Australia, sempre preto do fondo. A paisaxe na que se desenvolve este peixe está á vez tan cerca e tan lonxe de nós que resulta paradoxal o moito que sabemos da súa anatomía e modo de pesca, e o pouco que sabemos do demais: de que se alimenta?, é solitario ou social?, pon ovos ou pare vivas as súas crías?, ten escamas?, que depredadores o atormentan?

Non imos descubrir as intimidades máis ocultas do peixe de san Pedro. Digamos simplemente que os ecosistemas das rías son dos máis produtivos do mundo: contan cunha extraordinaria biodiversidade debido ao efecto dun afloramento de augas profundas que xorde no verán ao noroeste de Fisterra. O afloramento consiste no ascenso de augas frías e cargadas de nutrientes procedentes dos fondos da plataforma continental que, unha vez en superficie, converten este lugar no paraíso do plancto: estes diminutos microorganismos fotosintéticos medran e reprodúcense a unha velocidade portentosa.

En poucas semanas a auga é unha sopa vexetal que atrae a miríades de pequenos animais comedores de plancto, que tamén se multiplican desmesuradamente. O banquete complétase cunha insólita cadea de comensais: peixes pequenos que son comidos por outros máis grandes e estes por outros máis grandes e así sucesivamente, ata que chegamos nós coas nasas, os trasmallos, os cercos e os palangres.

O que mellor coñecemos deste peixe é a súa deliciosa carne, consistente e delicada, e o alto prezo que presenta en lonxas e mercados, o que disuade a moitos compradores nestes tempos de crise. E non debería ser así: quen non teña cartos dabondo para afrontar o pago dos seus impostos, ben podería darse unhas voltas pola peixería e mirar se san Pedro deixou esquecida algunha moeda na boca do peixe.

O peixe ten unha deliciosa carne e págase a un alto prezo en lonxas e mercados