Ordenado sacerdote por Quiroga Palacios

La Voz

FIRMAS

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Lorenzo Mariño nace en Porto do Son o 8 de setembro de 1929, orfo de pai con só dez días. Viviu a súa infancia na Coruña, a onde se trasladou con seis anos coa súa nai, viúva que subsistiu cosendo roupa de augas. E, pasados os duros anos da guerra civil, conseguiu abrir unha tenda de efectos navais que permitiu que Francisco estudase no Seminario de Santiago e máis tarde na Universidade Pontificia de Salamanca, así coma en Roma, onde se licenciou en Teoloxía na Gregoriana. É ordenado sacerdote na Igrexa de San Xurxo de mans de Quiroga Palacios, o 18 de marzo de 1956, e celebra a primeira misa en San Pedro de Mezonzo o 24 dese mes. Foi coadxutor en Sada no 1957 e atendeu a parroquia de Ouces. O 21 de setembro de 1959 é nomeado párroco de Aguiño, a onde chega o 30 de outubro para ficar, ata o seu pasamento o 16 de xaneiro de 2004.

Firme defensor dunha igrexa amparada no Vaticano II, de base, galega, e na que a cultura, lingua e revolución social da man do Evanxeo eran compatibles coa celebración. Impulsor do tecido social de Aguiño, do Xuventú, a asociación Ardora, a Comisión de Festas, a creación da lonxa, escolas, e o colexio, mercado, casa da cultura, fábrica do xeo, casa do mar... Defensor dos intereses dos mariñeiros e demandante de servizos básicos como auga, luz, saneamento, estradas...

Mestre de relixión no Colexio Galaxia e no Instituto de Ribeira durante décadas, correspondente en Aguiño de La Voz de Galicia, e colaborador de El Ideal Gallego e mais de El Correo. Impulsor da Romaxe de Crentes Galegos e dos Coloquios Galegos de Cristiáns ?onde conseguiu que a súa lingua oficial foxe o galego?, e participante do nunca rematado Concilio Galego, redactor da revista Irimia, e colaborador, ademais, de xornadas e foros cristiáns como Os Cruceiros e Encrucillada, entre outros.

Entre os moitos recoñecementos que recibiu destacan a Medalla de Bronce de Galicia no 2000, ano no que o pobo de Aguiño ergueu un busto seu no adro; dá nome á principal rúa deste pobo, inaugurada o 5 de xullo de 2003; Socio de Honra de entidades como Ardora, A Dourixeira, Xuventú Aguiño...; ou un cruceiro co seu nome no Parque Michico da Coruña, dedicado a el polo Colectivo Home Novo.