Un defensor de Sant Iago no século XVII

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1617 Felipe IV quixo facer copatroa de España a Santa Tereixa de Xesús, o que xerou ampla controversia e moitas protestas en Galicia, chegando a intervir Francisco de Quevedo en favor do apóstolo Santiago. E esta polémica deixou tamén un interesante poema en lingua galega, escrito cara a 1627 por Martín Torrado Mariño Figueira, que gozou de moita popularidade e do que perdurou a súa fama ata o Padre Sarmiento e mesmo Murguía. Trátase de seis décimas en lingua galega, unha rareza para a época, escritas nun ton popular, pero no que se nota a man culta, nas que un labrego se dirixe ao apóstolo con confianza, pero con respecto, gabando o seu padroado, considerando o cristianismo unha milicia fundamentalmente masculina. O poema salvouse porque foi copiado nas gardas dun libro en 1678 e logo publicado en 1925 por Filgueira Valverde, aínda que Atanasio López atopou outra versión na Biblioteca Nacional de Madrid. Editado por Álvarez Blázquez nun folleto en 1953, popularizouse grazas á antoloxía do mesmo autor de 1959, mais recentemente tivo unha edición crítica feita polo noiés Mariño Paz en 1999. O autor, crego, de Santa María de Leiro en Rianxo, parece que foi reitor de Fonseca, e descoñécese a data do seu nacemento, pero en 1652 xa falecera. Tivo en beneficio eclesiástico a parroquia de Santa María de Urdilde. Antíteses e apóstrofes caracterizan este texto que comeza cos versos: «Santo da barba dourada, / vello honrado, meu patrón; / raio, fillo do trebón, / capitán da roxa espada...»