Na arte actual, o espectador non é tan só un observador, ocupa un papel tan protagonista coma a obra, e ten o deber de demostrar a súa capacidade para interpretar as creacións. Foi coa chegada da arte conceptual cando o termo arte pasou a implicar algo máis ca o feito de crear e mirar: pasa a ser un proceso de reflexión intelectual do que participan artista e público. O xeito de conseguilo varía, xa que a arte contemporánea non só presenta connotacións diferentes, tamén rompe coas técnicas tradicionais, falándose de instalacións, accións, performances, e, máis recentemente, de novas tecnoloxías.
O artista do Barbanza Ismael Teira pode catalogarse tanto artista conceptual coma artista do land art (arte da terra). Dende hai un tempo realiza o que cualifica «exploracións-paseo» no territorio, localizando e fotografando estes camiños. Son un tipo de obras que se enmarcan na liña de creadores coma Carl André (estadounidense, nado en 1935) famoso polas súas esculturas planas que son superficies sobre as que se pode camiñar dando así un sentido propio ás pezas; ou na dos referentes da arte da terra -tendencia que utiliza a natureza como tema, material e soporte artístico-, Richard Long (Bristol, 1945) e Hamish Fulton (Londres, 1946). Fulton concibe a súa obra como unha parte do feito de camiñar, e mentras percorre o planeta, fotografía o percorrido, algo similar ao que ocorre con Long, que manipula a terra/natureza engadindo obxectos en determinados lugares.
Verdadeiro significado
A mesma relación entre fotografía, arquitectura e paisaxe está presente na obra de Teira, Ela gaña, do ano 2011. A instantánea amosa unha ponte de formigón que serve para cruzar un río. A primeira vista non hai nada misterioso ou complexo nela, pero analizando e reflexionando chegamos a entender o seu verdadeiro significado: a ponte foi levantada hai xa décadas, cando as terras que rodeaban o río se cultivaban, e hoxe abandonadas. Nun principio parece que a ponte creada polos homes se impón fronte á natureza; pero agora é a natureza a que os supera, pois a superficie está totalmente cuberta de musgo e as terras sen cultivar. Nesta loita entre home-natureza, esta última sempre é máis sabia, máis forte, e a que acaba afirmando que «ela gaña».
O artista xoga de xeito simbólico coas palabras e a imaxe provocando no espectador un proceso de reflexión sobre a interacción entre o ser humano e o medio, o significado da ausencia/presencia humana e o porqué das palabras que acompañan a imaxe.
Fotografía «Ela gaña», feita por Ismael Teira no ano 2011