A marcha dos ataleiros de Muros

ALFONSO GONZÁLEZ ASENJO

FIRMAS

Eran os expertos que dirixían a pesca dentro da ría e moitas familias dependían deles

26 oct 2012 . Actualizado a las 15:30 h.

Atalieiro ou taleheiro é un antigo termo que definía os que dende un lugar elevado vixiaban e dirixían a pesca dentro da ría. Moitas familias dependían do seu facer e dirixir xa que parte importante da súa economía descansaba na comercialización da sardiña salgada pescada cunha arte colectiva, o cerco, o que lles aseguraba unha porcentaxe sobre a captura proporcional á súa participación. Para dirixir unha operación desta natureza precisábase de alguén que dirixise e coordinase os esforzos; o atalieiro. Por esta responsabilidade percibía unha boa parte dos beneficios obtidos.

Manuel Fabeiro publicou diversas fontes documentais do antigo Muros; concretamente nas Páxinas históricas de Muros, publicada por Toxosoutos no ano 1997, aparece a circunstancia que estamos a comentar.

Os feitos aconteceron no ano 1560 e mostran as disposicións tomadas polo concello muradán contra os taleheiros desa vila que decidiran trasladarse a traballar a Noia.

O número destes expertos na pesca que abandonaron Muros era relativamente pequeno; cítanse catro persoas cando os cercos eran once, se ben noutro documento que utiliza Fabeiro fala de trece. Tería cada cerco o seu propio taleheiro, ou ben estes dirixían varios? De darse a segunda posibilidade, a perda para os cercos de Muros sería grande; maior que se só unha cantidade limitada de cercos perdían o seu experto.

Diminución de ingresos

A mingua na actividade dos cercos suporía para o concello unha diminución dos ingresos xa que estes e os seus talieiros contribuían cun monto total importante (44.000 reais para o ano 1576 segundo documentación da que dispuña o autor).

Os «taleeiros» debían ser individuos poderosos economicamente xa que, comenta Fabeiro, o concello tiña que recorrer a eles, en ocasións, en busca de diñeiro para facer fronte a imprevistos, proba do seu papel de «reserva económica» da comunidade, baseado na súa capacidade monetaria.

A marcha non sentou nada ben xa que unía a circunstancia de iren estes taleheiros traballar á vila rival coa que se mantiña un preito por dereitos relacionados co tráfico marítimo, e outro pola competencia na explotación pesqueira da ría, sinaladamente da sardiña, entre os cercos de ambas localidades.

Marchábanse persoas expertas, de relevancia na vida económica da vila; que unían ao seu saber, poder económico, e por riba marchaban á vila rival cos seus coñecementos e capacidades en menoscabo de Muros.

As autoridades municipais pouco podían facer, agás algunha medida máis destinada a satisfacer os veciños que se sentiron traizoados pola marcha dos «taleeiros», que a castigar a estes; a fin de contas podería ser que os convencesen para volveren e aproveitaren de novo os seus coñecementos prácticos. Máis valía non ameazalos con grandes castigos, pois non fora ser que marchasen definitivamente.

O remate desta crise ben puido ser o retorno dos que marcharan, ou mesmo a busca de novos expertos para substituílos; en calquera caso, para moitos veciños aquel ano quedaría como o que os «taleeiros» marcharon de Muros.

Gráfico sobre o emprego da arte de cerco na ría