CONVIDADO

«A literatura galega xamais volverá pasar por outros Séculos Escuros»

Avilés de Taramancos e Álvaro das Casas foron estudados por Arxóns

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Converso con Lola Arxóns, amiga, militante na defensa do idioma e do país, coidadora da lingua acotío, maquilladora lingüística rigorosa, ourive de estilismos e acabados en producións literarias amigas, profesora por riba de todo, sen dúbida unha desas imprescindibles. Na lembranza dunha contemporánea adolescencia nos anos finais do franquismo, dúas imaxes aparecen de súpeto: Lola actriz no mítico grupo Candea, dirixido polo mestre Xosé Agrelo, e Lola falante acotío en galego nunha vila maioritariamente castelán falante.

-Como marca o decorrer da vida este temperán achegamento ao compromiso?

-O achegamento produciuse da man de Pepe Agrelo cando eu tiña 14 anos e xa nunca o abandonei. O grupo de teatro Candea, que el dirixía, foi unha escola na que aprendín cal era o meu idioma, a miña cultura e o meu país. O compromiso nacionalista veu de seu, dun xeito natural, como en moitos amigos daquela época. E aí seguimos, librando a mesma batalla unha e outra vez, intentando conservar o que nos legaron persoas como Pepe Agrelo ou Avilés.

-Decatábaste de que para algúns mozos do teu tempo, educados no menosprezo do galego, eras unha persoa rara? Causouche algún tipo de problema esa decidida militancia lingüística?

-Nunca percibín que ninguén me considerase «rara» por falar galego. Na miña casa era o idioma habitual. Si recordo que unha profesora do instituto díxome: «Que pena! Con lo mona que eres y que fea te pones hablando en gallego». Daquela non podías contestarlle a unha profesora; hoxe a ningún docente se lle ocorrería soltar semellante animalada. Noutra ocasión unha veciña berroume por falar en «un dialecto». Confeso que non fun capaz de convencela de que o galego era unha lingua. Eran tempos de ignorancia e prexuízos.

-Recordo a Lola e a Lois Agrelo naquela grandiosa manifestación en Padrón a principios da transición, en apoio dunha mestra á que pretendían sancionar por mor de impartir as súas clases en galego. Pensas que, logo do polémico decreto do bilingüismo do PP, algo así pode suceder cun docente na actualidade?

-Lembro aquela manifestación a favor de Pepa Bahamonde, si. Non creo que sexa posible algo así hoxe en día, aínda que non por falta de ganas dos inimigos do idioma. De darse un expediente por dar as clases en galego, inmediatamente habería centos de docentes autoinculpados e o escándalo sería tan enorme que traspasaría fronteiras. Sería noticia até na CNN: «As autoridades educativas de Galiza expedientan os seus docentes por dar clases no seu propio idioma». Todo o mundo pensaría que estamos gobernados por tolos.

-Falemos de literatura, unha das túas paixóns. Dende a túa competencia como profesora e voraz lectora, así como aguda entrevistadora de persoeiros nas páxinas de Barbantia, ou como correctora meticulosa de varios autores consagrados da zona, como contemplas o mundo literario galego actual?

-Nunca se publicou nin se leu tanto como agora. Temos escritores e escritoras magníficos, equiparábeis a calquera literatura do mundo. A crise económica afecta ao negocio editorial pero non á creatividade literaria. As novas xeracións len e escriben en galego. A literatura galega xamais volverá pasar por outros Séculos Escuros. Aínda que é preocupante a baixada do uso do galego como lingua oral habitual na mocidade, son optimista. Se houbese unha acción de normalización lingüística dende o poder executivo, iríanos mellor. É asombroso oír dicir ao presidente do teu país que o importante non é o galego senón o inglés.

-Avilés (de quen es autora dunha ben documentada fotobiografía) e María Mariño, son escritores noieses agasallados co día das Letras Galegas. Pensas noutros autores da vila merecedores de tan prezado galardón?

-Noia é terra de escritores. Eu proporía como candidato a Xosé Agrelo. Ten méritos de sobra, pola súa obra literaria e pola súa traxectoria de compromiso coa cultura e a lingua deste país.

-Casa da Gramática é unha aventura literaria editada polo instituto Virxe do Mar, que ti colaboraches especialmente a crear. Que labor social atribúes a este tipo de iniciativas?

-Toda iniciativa que contribúa a divulgar a lingua e a creación literaria galegas é imprescindible neste tempo de uniformización. Se o que mostras son as creacións artísticas da xente nova, aínda mellor. Crear plataformas dende as que a nosa mocidade se poida expresar é algo necesario para poder perpetuar a lingua. A revista, ademais, dá entrada a creadores consagrados do mundo literario e das belas artes de Galiza. Autores e autoras recoñecidos internacionalmente publican as súas colaboracións creadas especialmente para Casa da Gramática.

ILUSTRACIÓN PINTO E CHINTO