A cabaza viaxeira

laura Gutiérrez pelayo

FIRMAS

A festa do Samaín esqueceuse ata que rebotou como Halloween

26 oct 2012 . Actualizado a las 15:30 h.

Remata a tempada da colleita e chega a estación escura. Esgótanse os días longos e mornos camiño ao ancestral ano novo. Os celtas celebraban esta transición coa festa enmeigada do Samaín. Para eles, nestas datas, os espíritos dos mortos camiñaban polos lares dos vivos, e estes, co lóxico temor de ollar a morte tan de preto, deixaban comida, a lareira acesa e, nalgúns casos, unha cadeira baleira para manteren ledas as ánimas dos defuntos. Para se defenderen das almas, non sempre pacíficas, que axexaban na escuridade, prendían candeas dentro das caveiras dos seus inimigos e deixábanas nos valados para así persuadilas de non faceren mal aos vivos. Co tempo, a vella tradición celta transformouse poñendo candeas dentro de nabos baleiros.

A festa do Samaín esqueceuse en moitos lugares e por longo tempo ata que nos rebotou dende ultramar en forma de Halloween, con certas diferenzas, entre elas o tallado de cabazas en lugar de nabos. O Samaín percorreu unha longa viaxe de ida e volta, así como a cabaza, o froito que máis a representa, o mesmo que lle aconteceu a outras plantas.

As rutas que se abriron nas longas expedicións marítimas no século XV e XVI fixeron populares incontables produtos exóticos. Transportábanse plantas e sementes dende América a Europa, deixando abraiados os nobres e os adiñeirados con eses novos e exclusivos produtos de ultramar. Coa mesma, levábanse plantas ao Novo Mundo coa esperanza de que se deran ben, e obteren así maiores beneficios para a metrópoli.

A cabaza é orixinaria do continente americano, onde se cultivaba hai máis de 8.000 anos, e constituía a base da alimentación de numerosas poboacións nativas. Ao chegar a Europa non tivo éxito para o consumo humano e utilizouse durante décadas como alimento para o gando.

Son moitas as plantas que se trouxeron de alén do mar: patacas, pementos, cacao, millo.... A viaxe da cana de azucre foi longa e complicada. Os comerciantes españois levárona a América central á espera de que prosperase naqueles lares. Cultivábase no sur de España dende que a trouxeran os musulmáns no século V. E aínda procede de máis lonxe, pois antes pasou dende Nova Guinea á India, e de alí a Siria. Durante moito tempo en España utilizouse a cana de azucre como edulcorante, mentres que noutros países de Europa central e setentrional, seguían utilizando o mel.

A sandía tamén viaxou por ruta marítima ao Novo Mundo desde España. Aquí trouxérana os musulmáns dende o norte de África. Hai rexistros do seu cultivo hai máis de 3.000 anos en Exipto. Non obstante, a súa orixe está nas rexións áridas do centro e do sur de África, onde ademais de alimento era unha fonte vital de auga.

As tradicións modernas están inzadas de historias prolixas, de equívocos inexplicables, de avatares sorprendentes, de protagonistas esquecidos pola vertixe do paso inexorable do tempo. Como tantas outras tradicións, a das cabazas de Samaín non vén de Hollywood, aínda que o pareza, senón que se entronca no máis recóndito do imaxinario colectivo occidental, sempre que substituamos as rotundas e fachendosas cucurbitáceas polos escuálidos nabos autóctonos.

As cabazas son orixinarias do continente americano