Actriz con Agrelo, experta en Avilés

xerardo agrafoxo

FIRMAS

02 nov 2012 . Actualizado a las 19:05 h.

A tarefa intelectual desta profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Virxe do Mar de Noia pode compendiarse en tres momentos decisivos:

Durante sete anos, entre 1974 e 1981, participou como actriz na andaina do mítico grupo teatral Candea, xurdido da man do mestre Xosé Agrelo Hermo nos derradeiros tempos da ditadura. Durante este tempo representou por toda Galicia algúns dos personaxes máis importantes das obras creadas polo fundador do grupo -Noite de Lobos (1975), Metá e metá (1976) e O mestre (1978)- coa idea de levar á escena obras en galego, cunha temática social e sempre dentro dun teatro de clara resistencia antifranquista.

Despois, como experta en cuestións vinculadas coa lingua e a literatura galega, elaborou o estudo bibliográfico de Avilés de Taramancos para a reedición da obra A frauta e o garamelo, así como o de Álvaro de las Casas para a reedición de Matria. En colaboración co profesor Xavier Castro Rodríguez publicou o libro Avilés de Taramancos. Vida e obra e unha análise do libro A frauta e o garamelo en A Nosa Terra (2002). Tamén é coautora, xunto co seu home, Lois Agrelo, do libro Antón Avilés de Taramancos (1935-1992): Unha fotobiografía, editado con ocasión da celebración do Días das Letras Galegas 2003 en homenaxe ao autor noiés. Co traballo A actividade cultural en Noia participou no libro colectivo Noia: Ribeiras de mar enxoito. 75 anos da Sociedade Liceo.

Finalmente, durante dez anos desempeñou -e ao longo de 29 números- unha activa tarefa na coordinación dun dos acontecementos máis importantes dentro do mundo intelectual na Barbanza: a revista cultural Casa da Gramática, publicada polo IES Virxe do Mar de Noia, e organizadora do Premio de Relatos de Aventura Avilés de Taramancos, concedido cada ano polo Concello de Noia.

Polo seu dominio do noso idioma, Lola Arxóns, tamén realizou a revisión lingüística de varias obras literarias, entre elas, Voces na guerra, María Mariño. Retrato dunha época, unha peza histórica, Noia no cambio de século, e varios números do Anuario da Asociación Cultural Barbantia.