«O Goberno do PP foi unha arma de destrución masiva»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

O desemprego é a maior preocupación da formación frentista na comarca

07 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O discurso de Dores Torrado nesta campaña electoral non difire moito do dito por esta boirense nos últimos anos. As políticas de recortes aplicadas primeiro dende a Xunta, por Feijoo, e logo no Goberno central, por Rajoy, son a antítese do que defende o seu partido, o BNG. Por diante teñen 14 días para convencer a cidadanía de «que outra política é posible en Galicia».

-¿Cales son para vostedes as consecuencias máis da xestión do goberno de Alberto Núñez Feijoo nesta bisbarra?

-O goberno do PP foi unha arma de destrución masiva do emprego, hoxe no país temos 113.000 parados máis que cando Feijoo chegou á Xunta, esta é a herdanza máis dramática do goberno popular.

-Dende a oposición, primeiro a Feijoo e logo a Rajoy, se lle replica que existen alternativas ás súas políticas de recortes... ¿pode dicirme tres concretas do seu programa electoral?

-Falaría de tres eixos complementarios entre si. O primeiro: defender e ensanchar o autogoberno no camiño de acadar a soberanía. Entre outras medidas, imos reclamar un cambio no modelo de financiamento autonómico, un modelo de concerto que dote a Galiza de soberanía fiscal e financeira. O segundo é a aposta polo emprego, a través de ferramentas como un Banco Público Galego e o impulso aos sectores produtivos propios do país. O terceiro, é a defensa dos servizos públicos e das políticas sociais. Un goberno do BNG será un goberno insubmiso cos recortes.

-¿E para Barbanza e Muros-Noia?

-A creación de emprego é a nosa prioridade. En Arousa norte hai 5.481 desempregados, esta será a nosa obsesión na vindeira lexislatura. Recuperar proxectos paralizados pola incompetencia do PP, como o macropolígono do Barbanza, estarán na folla de ruta do BNG nos vindeiros anos. Outra ferramenta importante para este obxectivo é a defensa dos sectores produtivos propios da comarca, como a pesca, o sector marisqueiro e o mexilloeiro.

-Se o BNG de Barbanza non logra representación parlamentaria directa a través de vostede, ¿quen será a deputada que vele polos intereses dos veciños desta parte de Galicia?

-Os problemas de Barbanza sempre tiveron voz no Parlamento galego, grazas ao traballo dos deputados que no pasado representaron excelentemente á comarca, como así o fixo a candidata que encabeza a lista pola Coruña, Ana Pontón.

-En Arousa norte conseguiron frear división interna do BNG, ou polo menos que non transcendera publicamente....

-No BNG de Barbanza entendeuse que a sociedade galega está por riba de calquera circunstancia e, neste senso, a militancia no seu conxunto actuou coa responsabilidade política que precisa o país.

-O PP non se move do seu argumento: ou eles, que son un único partido, ou o resto, que suporía un goberno de moitos partidos e programas...

-Sen que sirva de precedente, estou de acordo. Lanzo unha alerta sobre as consecuencias graves para Galiza dunha coalición entre o PP, o señor Mario Conde e UPyD. O señor Conde, modelo de banqueiro especulador de casino que nos levou a esta crise e UPyD, cunha líder que ten feito manifestacións reiteradas que representan unha ofensa para este país.

-E co PSOE, ¿están cicatrizadas as feridas abertas durante o bipartito de Touriño e Quintana?

-En política temos que diferenciar tempos. Agora, cada forza política debe explicar a súas propostas e que a sociedade galega xulgue. En calquera caso, o BNG considera que vivimos tempos que requiren non só dun cambio de goberno, se non ante todo un cambio de políticas.

-¿Consideraría normal que se establecese que toda persoa que ocupe un cargo público cobrase o mesmo que no seu anterior traballo?

-É difícil comparar un posto público cunha relación laboral no ámbito privado. Neste senso, se estamos ante dous postos de traballo, un público e outro privado, que reúnan as mesmas condicións de responsabilidade, dedicación, capacidade e resultado, entendo que si.

DORES TORRADO CANDIDATA DO BNG

«Os problemas de Barbanza sempre tiveron voz no Parlamento autonómico»

«O BNG considera que vivimos tempos que requiren non só dun cambio de goberno»