Xornalista de Ribeira cun tráxico final

PASTOR RODRÍGUEZ

OURENSE CIUDAD

01 oct 2012 . Actualizado a las 22:00 h.

Nacido en xaneiro de 1888 en Ribeira, estudou en Compostela e na facultade de Medicina coincidiu con Castelao e Fernández Mato, cos que colaborará en Galicia Moza. Dende 1906 escribe en El Miño e comeza así a súa andaina xornalística, que o converterá nun dos máis destacados periodistas da Galicia de preguerra. A súa sinatura estará presente en cabeceiras como Galicia Nueva de Vilagarcía, Gaceta de Galicia de Santiago, La Concordia e Galicia de Vigo, cidade na que tamén traballou no Faro de Vigo, La Zarpa de Ourense ou El Emigrado d?A Estrada, sen esquecer Vida Gallega, El Heraldo Gallego ou El Pueblo Gallego. Tamén escribirá nos xornais madrileños, pois nesa cidade reside entre 1915 e 1918, e a súa sinatura aparece en España Nueva, España Libre, El Liberal e El Sol. Emigrante un tempo en América, os seus artigos están moi presentes nos xornais galegos da Arxentina, como é o caso de Céltiga ou El Correo de Galicia. Por motivos profesionais, poucas veces escribirá en galego, aínda que publicou algún traballo na nosa lingua, coma o titulado Touros e foros, en A Nosa Terra. Cultivou o teatro e estreou pezas como La hora grande, en colaboración con Ramiro del Valle, ou Peregrino de la ilusión, con Fernández Mato. Autor da narración La fratricida, foi un agrarista nas súas orixes políticas, pero apoiou logo a Risco a prol dun galeguismo culturalista, como amosa o seu artigo El buen galleguista debe ser apolítico (1923). Detido en agosto de 1936, estivo na Illa de San Simón e apareceu morto o 10 de novembro en Redondela. Remataba así brutalmente o camiño dun xornalista moi importante na Galicia do século XX.