A Virxe de Gerreshein

La Voz

BARBANZA

01 oct 2012 . Actualizado a las 22:26 h.

Tiña 14 anos, era catequista, dominaba España o nacionalcatolicismo, pero non me intimidaba a virxe de Guadalupe de Asorey que presidía na finca dos Baltar a praia de Tanxil. Coa súa complicidade, roubabamos froita, axexabamos as parellas flirteando no dique, tirabámonos ao mar desde a súa acapulqueña cabeza, entrabamos furtivamente no caserón. Aquela virxe non era a de Baltar nin a de Guadalupe nin a de Asorey. Era, simplemente, a virxe. Si. Si. Con minúsculas. Os mestres conseguían, a base de croques, que a escribísemos con maiúsculas, pero sempre a pensamos con minúsculas. Era unha amiga máis. Ás catro na virxe. Quen non se tire da virxe é un covarde. O mellor sitio para verlle o sostén a Finuca é a virxe.

Perdín a vocación de catequista por culpa dos contos dun profesor de instituto agnóstico. Identifiqueime, por exemplo, coa protagonista desta historia: unha noite, a nai mete a filla pequena na cama e, ao marchar coa vela, dille que non teña medo á escuridade, Deus coidará dela mentres durma. Pouco despois a nena aparécelle en camisón no cuarto: Mamá -dille-, vai ti ao meu cuarto e durme alí con Deus, eu quedarei aquí coa luz da vela.

A pesar diso, nunca lle perdín cariño a aquela virxe. Digo cariño e non devoción porque a miña relación con ela segue sendo a da infancia, e un neno non é devoto de ninguén. Pero tamén porque moitos devotos que coñezo son como o protagonista doutro relato daquel profesor agnóstico. Por recomendación do crego, un neno pobre pídelle á Virxe moitas noites unha bicicleta, ata que, farto, decide roubala, pedirlle perdón á Virxe e facerse devoto dela.

Esta última Guadalupe colocaron unha nova Virxe na praia de Quenxo a uns cen metros de onde estaba a de Asorey, que os Baltar, ignorando que unha virxe non é de ninguén, levaron por inextricables razóns. A nova é de bronce fíxoa un escultor alemán e foi bendicida por un arcebispo. Unha Virxe con maiúsculas. Aínda así, na inauguración deixeillo claro. Non podo darlle cariño. Terá que conformarse coa miña devoción.