A fin do mundo

La Voz

BARBANZA

01 oct 2012 . Actualizado a las 22:07 h.

Os meus ollos brillaron entre as faíscas, chorando, asustados, aterrorizados, e mirando cara á morte naquela escena. Todo estaba acabado, aquilo era a fin, o final dos tempos. Eu abraceime ás pernas e rompín a chorar, gritei medorenta; a morte chegou a todas as partes, e estaba a destruír todo o que atopaba no seu camiño. O lume, coas súas labaradas feroces, lambeu os solos, a terra, as flores, a auga, as árbores. Toda vida foi devorada polo lume do dragón, que investía furiosamente contra calquera faísca vivente.

Rodeada por ese escenario sórdido, eu tentaba pechar os meus ollos para non ver como as lapas tragaban tantos inocentes, como o chan tremía con forza, como o meu corpo se axitaba tan convulsivamente. E eu choraba e choraba, pero as miñas lágrimas non eran quen de silenciar tantas lapas... E todo se foi consumindo.

Os meus pulmóns estaban cheíños de fume, de dor, de sangue, e eu non sabía xa que facer, pois que todo estaba perdido, arrasado, e calquera resistencia fora dominada.

Saín chorando, coa voz quebrada, tentando ver a través das chamas, pero o mundo quedou en silencio, en silencio. A vida acabara para todos, a terra tivera a súa vinganza empregando aqueles que eran os seus elementos; e nós, tolos estúpidos que creamos a nosa destrución, agora a chorarmos polas cinzas dos amados, que xamais quixeramos perder.

Eu non tiña nada. Vin miles de almas inocentes perecendo entre o lume, converténdose en po esvaecido no vento, e chorei e chorei... Eu, de socato, quedei en silencio: as chamas comeron a miña voz e as miñas bágoas caeron evaporadas.

Todo quedou en silencio, a vida morrera, o meu corpo era poeira e voaba, voaba, lonxe, moi lonxe... os meus ollos nunca máis virían, os meus oídos xamais oirían as súas cancións no piano, o meu corazón tampouco non latexaría por ti...

Entón de repente acordei... e rocei a suavidade do teu alento en min, os teus ollos chorando na miña pel, protexendo co teu corpo o meu corpo. E nunca souben se fora un pesadelo ou un fermoso soño, contigo alí, ao espertarmos, neste mundo de noso... ao amor.

Entrementres, fóra de nós, un silencio de cinza vivía na ollada dos agonizantes. Escuridade sen bicos. Esquecemento, egoísmo, orgullo, rancor... Talvez unha gran bóla de lume e silencio ben merecida... por fin.

Cinthia Romero Muñiz

Cursa primeiro de Bacharelato de Humanidades no IES Praia Barraña (Boiro). Gústalle a fotografía e ler; apaixónalle a escrita, e utiliza a maior parte do seu tempo libre a escribir relatos.