«A música e a inspiración son coma unha amante caprichosa»

Álvaro Sevilla Gómez
ÁLVARO SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Confesa que encara o verán con ilusión, con moitas gañas de demostrar que o seu traballo vale a pena ser escoitado

12 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Para Héctor Alba Vidal, máis coñecido como Tresu, este mundo non tería sentido sen a música, á que define coma «unha amante caprichosa, da que dependes sempre». Comezou no rap como afección, pero co tempo estase convertendo na súa forma de vida. Nas próximas semanas presentará o seu novo traballo La Plaga. Atrás quedan as longas noites en vela.

-¿Que significa ou que representa para vostede a música?

-Eu véxoa como un medio para expresar libremente o meu día a día, utilízoa como vehículo para mostrar as miñas ideas aos demais. A música e a inspiración son coma unha amante caprichosa, da que sempre dependes.

-¿Como ve o panorama nacional neste momento?

-Estase perdendo ese sentimento veraz que antes sempre estaba presente, agora prima a música que atrofia a mente, pensada exclusivamente para ser bailada e non degustada. Eu utilizo a música para poder pensar, nos malos momentos escóitoa a carón do mar, evádome; e falando sinceramente, o que se está facendo agora mesmo non pode cumprir esa función.

-¿Que mensaxe intenta mandar dende as súas letras?

-Nas últimas cancións oriéntome cara a crítica política, o momento actual incita a que sexa así. Non me gusta tratar un único tema, non é o que eu busco, todo o que me libere é digno de estar plasmado nun tema.

-En breve sae o seu traballo máis profesional, «La Plaga». ¿A que se refire?

-É como lanzar un dardo ao ser humano, a esta sociedade na que vivimos, ditaminada polo «consume, compra, rompe, compra». Aborrezo esa necesidade de destruír para volver a crear, esas gañas de querer ser Deus.

-¿Hai moito esforzo oculto?

-Levou moito traballo ademais dunha inversión de capital, esta maqueta está repleta de noites en vela. Comecei a traballar nela fai case dous anos, aínda que das primeiras cancións non quede nada, co tempo vas mellorando e os temas novos, os máis maduros, desprazan aos primeiros, é lei de vida. Intento cambiar o mundo cun micrófono, chamádeme tolo, pero deixade que o intente.

-¿O traballo déixalle un bo sabor de boca?

-Estou contento co resultado final, creo que fixen o mellor que puiden, con dar o mellor de min mesmo xa merece a pena, todo o que require un esforzo merece un respecto.

-¿Que espera dela?

-Espero que agrade, que pensen que é digno de ser escoitado, quero que provoque algunha sensación ademais da indiferenza. Gustaríame escoitar: «Este rapaz pensa, ten o seu lado tranquilo pero tamén outro seu lado furioso coa sociedade».

-¿Que imaxe cre que proxecta o rap na xente?

-Gustaríame que cambiase, que se fixasen no traballo que facemos día a día. Non somos parias, sabemos que non lle vamos gustar a todo o mundo. Somos persoas normais, gústanos este estilo musical e buscamos crear unha sintonía con el.

-¿É necesaria a crítica para mellorar?

-Un dos meus mellores amigos ensinoume que é así, axuda a pulir certos erros que se cometen cando un é inexperto. Preciso da sinceridade para seguir crecendo.

-¿Onde se ve dentro de dez anos?

-Dentro de dez anos non me vexo en España, este sistema político non dá solucións, limítase a crear problemas.

-¿Onde se escoitará «La Plaga»?

-Sairán 150 copias que moveremos por radios, bares e algunha discográfica. Tamén temos concertos apalabrados, onde tocaremos 8Ferrados e un servidor. Encaro o verán con moita ilusión, creo que vai ser bastante movido.

Héctor alba vidal, «Tresu» MÚSICO

«Aborrezo esa necesidade de destruír para volver a crear»

RIBEIRA

Rosalía de Castro, 25 981 871 045

BOIRO

Cespón 981 862 634

NOIA

Comercio, 1 981 820 486

OUTES

Ceilán, s/n 981 850 906

MUROS

Esteiro 981 763 064

MAZARICOS

Progreso, 1 981 852 051

CARNOTA

Rúa Carrasqueira, 31 981 857 031

PORTO DO SON

Tarrío, 144, Queiruga 981 768 519

A POBRA

Díaz de Rábago, 1 981 830 430

RIANXO

Irmáns Insua, 23 981 860 108