LINGUA PROLETARIA

Un esteo

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Como esteos que soportan o edificio ves sendo ti», dicíalle un vello conserxe vestido de entorchado a un veciño meu, o día que se presentou no seu primeiro posto de traballo. E cando o rapaz, co seu diploma debaixo do brazo, lle confesou as grandes perspectivas que tiña, o outro desmoralizouno: Se ser inxenuo é malo, ser un idealista aínda é peor.

Contoume o agora experto e resignado veciño como estaba estruturada aquela empresa, desde a conserxería, onde un tipo sen cadeira onde sentar abría a porta a propios e alleos, ata o paisano que sentaba nun amplo despacho na última planta, de acceso restrinxido. Segundo o conserxe lle contaba, desde o primeiro ó último piso, cada oficina medíase en superficie por ocupante de menos a máis, e igualmente, a nómina ía en proporción á superficie outorgada, desde a mesa colectiva do primeiro andar, ós pupitres separadas por tabiques abertos e finalmente os grandes despachos con azotea e balcón, e todos controlados por un amanuense pouco coñecido que señoreaba nun habitáculo inmediatamente debaixo do director xeral, encargado de recoller os datos persoais e laborais de cada quen, así como de levar unha listaxe onde, ó lado do número de matrícula, como se fose un balance de debes e haberes ó que lle faltase a columna dos haberes, íanse colocando as faltas de asistencia ou puntualidade de cada quen, as queixas, as preguntas formuladas inoportunamente, as demoras en saír por non ter rematada a faena diaria, e ata as veces que cada un cambiaba de garabata ó cabo da semana.

Ninguén sabía como pero a aquel escuro amanuense non lle faltaba traballo. Coñecía as aspiracións de cada quen e como demostrar a inutilidade puntuando a actitude de cada un, e así, cada 30 «por ques» formulados tras unha orde sumaban unha falta grave, e 35 xa eran motivo de rescisión de contracto por rebeldía e desmotivación. E cóntame o paisano como na volta dun ano viu desfilar alomenos un empregado por mes coa carta de despido na man.

Sen embargo, non se perdían cos fracasos alleos as súas lexítimas aspiracións, e cando chegou ós cinco anos de antigüidade sen dereito a ningún plus, quinquenio ou outra gratificación, ousou preguntarlle ó xefe inmediato que había de facer para ascender a un piso superior, co fin de ter unha oficina máis ampla, e o interpelado rindo díxolle que, cando unha roda da engrenaxe funciona ben, non hai que engraxala porque pode acabar esbarrando, nin cambiala porque se corre o risco de que a nova non se afaga ó sitio, así que, o que tiña que procurar, para seguir tendo nómina mensual, era que aquel que estivese máis arriba, non caese, porque desde canto máis arriba caera alguén, a máis arrastraría, piso a piso, ata chegar ó conserxe vestido de almirante da entrada. El era -díxolle sorrindo o superior- un dos atlantes que soportaba o edificio. E o conserxe que oíu desenganouno: «Ti non pasas de ser un esteo que soporta a parra debaixo da que outros toman o fresco e comen uvas».