Primeiras décadas do fútbol boirense

ANTÓN RODRÍGUEZ GALLARDO

FIRMAS

CEDIDA

Do Barraña Sporting fundado en 1922 á estrea do Deportivo Boiro en 1967

04 jul 2012 . Actualizado a las 17:09 h.

Coma un refacho de modernidade, o fútbol chegaba a Boiro principiando a segunda década do século XX. Facíao da man de varios mozos, de familias acomodadas case todos, que, despois de amañar un descampado a carón da praia de Barraña, creaban o Barraña Sporting Club co apoio do doutor Gómez Gorordo e Ramón Dios, secretario municipal. Gerardo Piñeiro, Luís Casáis, Jesús Xambella, os irmáns Fajardo, Julián Carreño, Ramón Sánchez, José Dieste ou Jesús Hermida serán parte esencial daquel club, que nacía en 1922, ás portas da ditadura de Primo de Rivera.

Aínda que a viaxe deste pioneiro club remataría en 1927, trala morte do seu presidente Domingo Alcalde, a semente quedaba botada, e naquel ano vían a luz El Pueblo Gallego FC e o Sansón. Abandeirados da Tenencia e Cimadevila, respectivamente, estes clubes escenificarán no terreo de xogo a rivalidade que daquela sostiñan ambos barrios. Exbarrañistas como Hermida, Dieste, Crusat, os Piñeiro ou os Carreño, aliñábanse en El Pueblo Gallego xunto a outros mozos do barrio. No Sansón cimadevilán, con campo en Espiñeira (Rego de Mil), facíano os irmáns López Romero, os Silva, Paquito Reino, Franco Cobas e varios rapaces da Boliña, Aducil e San. A súa rivalidade contribuiría a popularizar o fútbol en Boiro que, finando a década, chegaba ás parroquias de Bealo e Lampón.

Cos anos trinta, a controversia entre A Tenencia e Cimadevila dilúese, e os seus clubs fúndense no Sansón FC. Con moitos socios e xogadores de ambos equipos (Armental, Arturo Noal, José Ferreirós, Pepe do Lodeiro, Franco Cobas, Gonzalo e Bernardino López, etcétera) e algún de Lampón, este novo Sansón abandeirará o fútbol boirense nos tempos republicanos e, tras vencellarse á Juventud Católica, tamén a causa dereitista.

Desaparecida a rivalidade entre barrios, xurdía agora en Boiro unha nova rivalidade, a ideolóxica, que enfrontaba os «señoritos» e a súa clientela, dereitistas e monárquicos, coa clase obreira rebelde, esquerdistas partidarios da República. Mais esta rivalidade ao cabo non podería plasmarse no fútbol ao crebarse pola Guerra Civil o proxecto da Sociedad Cultural y Deportiva Obrera, que promovían as Juventudes Socialistas de Antonio Somoza.

Tempos ben cativos

A posguerra traería para o fútbol boirense, en mans da Falange, tempos ben cativos. Pasaría máis dunha década dende o remate da guerra antes de que rexurdise grazas a Benjamín Fajardo, que en 1953 federaba no torneo das Rías Baixas o novo Barraña FC, compartindo co Amanecida de Bealo a representación do fútbol local. Daquel club, exemplo de seriedade e canteira, sairían xogadores de proxección como Bouzas, Manoliño o Xastre, Alcalde ou Federo o Chopo. O entusiasmo levantado polo Barraña dos cincuenta derivará na creación de equipiños por toda a xeografía boirense (Abanqueiro, Cespón, O Castro).

Cumprida a etapa de Fajardo, e tras uns anos dun Barraña improvisado e ateigado de foráneos, nos albores dos anos sesenta abrirase de novo unha etapa ilusionante. Chegaba parella ao desenvolvemento da localidade, viliña moderna en cernes que reclama un club de categoría. O reto era recollido por Paco o Chono, presidente da directiva que en 1961 federa o Barraña FC na Serie A, chanzo previo á Terceira División. Salvador Muñiz, Armental, Chouza, Rafaelito, Zurdo, Manolo o Carrasquillo ou Candocho serán o selo boirense dun equipo convertido en selección do Sar e Barbanza tralas fichaxes dos padroneses Ramoní, Ninino, Fontenla e Juan, ou dos ribeirenses Pepiño, Fernando, Nacho e os irmáns Abelleira. Con todo, só dous anos duraría esta aventura. Na tempada 63-64 o club inscribíase no torneo das Rías Baixas, menos esixente e máis acorde, quizais, coa entidade da vila.

Superado o ecuador da década, unha nova e definitiva crise poría fin á traxectoria do Barraña FC. Tras breve paréntese, a súa herdanza era recollida polo Deportivo Boiro, que se estreaba na Liga do Sar 67-68, e que, co nome de Juventud de Acción Católica, xa disputara un ano antes o torneo de Copa desta competición.

Esta imaxe corresponde ao Club infantil Sansón, nos anos vinte