CONVIDADO

«A memoria histórica non pode ser selectiva, ou é total ou non é»

Reivindica a España dos Reis Católicos como precedente autonómico

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Daniel Bravo, que se reparte entre a súa vocación de profesor e de investigador, do que si se sente profundamente orgulloso é da súa condición de ribeirense, no bo, no malo e no regular. A península do Barbanza, que o viu nacer, conforma a idiosincrasia e a xenética deste historiador de raza que, dende sempre, mantén a súa paixón e o seu compromiso coa verdade histórica das xentes de seu.

-Por que se pasa á présa sobre o tema dos Reis Católicos no ensino?

-Por clixés políticos ou por descoñecemento integral; ignórase que a España dos Reis Católicos é o antecedente do estado das autonomías. Os RR. CC. fixeron unha unificación federal da península, onde cada reino conserva as leis, as Cortes, a moeda propia (Galicia non, porque non a acuñaba). Cando Felipe II persegue a Antonio Pérez non poden detelo en Zaragoza, porque o amparan aquelas leis. O Estado centralista chega cos Borbóns. Iso da «doma e castración do Reino de Galicia» non é certo. Na Revolta Irmandiña, os Reis Católicos acoden á petición dos campesiños para acabar cos abusos que padecían por parte dos señores feudais

-Cal vén sendo a razón do éxito dos hispanistas estranxeiros?

-Os franceses e anglosaxóns sempre publicitaron moi ben os seus traballos; os españois non, tendo magníficos traballos. Hai hispanistas estranxeiros moi bos, coma Pierre Vilar, pero hai outros malos (Paracuellos vende moito). Coñezo pouca xente en Europa da talla de Ofelia Rey, cunha metodoloxía tan sutil, pero é máis valorada na Universidade de Barcelona que aquí.

-Por que suscita tanta controversia a memoria histórica?

-Un historiador ten que investigar o pasado, afastado e próximo, pero se nos centramos só nos crimes do franquismo, obviando que houbo mortos dos dous lados (certo que en diferente número, e que os crimes do franquismo foron máis execrables) o traballo queda incompleto. A memoria histórica non pode ser selectiva, ou é total ou non é. En Barbanza, os crimes do franquismo foron contados, máis ben por vinganzas persoais que por motivos políticos. En Ribeira houbo poucos represaliados (en comparación con outras vilas do Barbanza), e paseados só un. Por iso non houbo os odios doutros lugares. Mesmo algún cura avogou por algún detido, que se salvou.

-Que che gustaría estudar da historia do Barbanza?

-Varias cousas. En Ribeira faltan as actas municipais dos anos 1932 a 1934 (posiblemente se fixeron desaparecer), e hai outros períodos e aspectos esquecidos. Hai un personaxe moi importante, Ramón Martínez López, vinculado ao grupo Nós, emigrado a EE. UU. cando a guerra, que era de Boiro pero viviu en Ribeira moitos anos (a súa muller era de aquí). E cando volveu da emigración foi presidente do Partido Galeguista ata a súa morte, e en Ribeira non se sabe del. Na Pobra non teñen un recordo ao primeiro capitán xeral galego (despois de 120 anos de creado o cargo), Alonso de Xunqueiras (1560-1612), que fortifica as murallas da cidade da Coruña na zona do Castelo de San Antón. Amigo persoal de Felipe II, presente en todas as batallas do século XVI, un home de primeirísima liña, dos máis importantes de Galicia, e que non ten recoñecemento ningún. Noutro país tería unha praza, unha estatua... Logo, hai sorpresas, pois traballando no arquivo parroquial de Boiro atópome coa figura de Miguel de Romay, un dos mellores escultores do barroco universal quen, con vinte anos seguidos de profesión, fixo as súas últimas obras en Boiro. É algo insólito e descoñecido ata entón.

-Que importancia tivo a emigración nesta zona?

-Aquí houbo sempre emigración, primeiro a América Latina, logo a América do Norte, e a Europa. Algúns fixeron fortuna, outros fixérona despois aquí. Tamén a emigración «andoriña» da que fala Rosalía, estacional, á sega e á vendima, era un traballo moi duro que se iniciaba no San Xoán, que viña facendo a recolección de Sur a Norte, de Andalucía a Castela. Sempre emigración maioritariamente masculina. Non hai familia que se librase desta sangría demográfica, tanto familias acomodadas como humildes. Moitas veces ían de xeito clandestino, por iso non son moi fiables os rexistros. Coa crise do 29 houbo un corte na emigración, que se reiniciou despois da segunda Guerra Mundial cara a Alemaña, Francia, Países Baixos? e non foi tan dramática porque había a posibilidade do retorno.

-Pódese falar de matriarcado no Barbanza? Que papel tivo e ten a muller?

-Ten un papel central en toda comunidade campesiña, non é complementario, é compartido. En todos os labores, a sementeira, a colleita? sempre está a muller. Na casa era a figura central. Tamén nas casas mariñeiras. As primeiras factorías de salgadura dos cataláns funcionan con 99% de man de obra feminina; só o fomentador, o encargado, e un par de carpinteiros son homes. Cando a conserva toma o relevo sucede o mesmo, ata hoxe.

ILUSTRACIÓN LEANDRO

«En Ribeira faltan as actas municipais dos anos 1932 a 1934 e hai outros períodos e aspectos esquecidos»