Homo lupo lupus

xulio gutiérrez roger

FIRMAS

A hibridación é un feito excepcional en condicións naturais

04 jul 2012 . Actualizado a las 17:11 h.

Nas últimas semanas apareceron nos medios varios artigos sobre lobos híbridos no Barbanza nos que destacan dúas concepcións aparentemente antagónicas. Primeira: o lobo é unha alimaña que hai que controlar (ou erradicar) porque causa danos á gandería. Segunda: o lobo é unha especie emblemática que hai que protexer polo que as administracións deben compensar os danos que puidese producir. O detonador destas informacións foi a presunta aparición de lubicáns (lobo hibridado con can doméstico).

Ante a avalancha de opinións infundadas, comentarios maliciosos e incomprensibles silencios oficiais creo que se debe explicar e difundir a posición dos científicos competentes na xestión do lobo.

O experto C. Vilá dí que a hibridación entre can e lobo é un feito excepcional en condicións naturais. As grandes diferenzas ecolóxicas e etolóxicas entre ambos cánidos impiden a introdución de ADN de cans nas poboacións de lobos. Os estudos con marcadores xenéticos demostran que o can e o lobo están ben diferenciados en Europa. Os rarísimos casos de hibridación que puidesen producirse non son máis ca unha curiosidade científica e non un problema de «pureza xenética» que se deba erradicar. A morte dun só lobo ibérico sospeitoso é un prexuízo maior para a especie que a presenza dun híbrido.

Os danos que produce o lobo nas explotacións gandeiras, segundo R. Portas, débense máis ao tipo de manexo do gando que a calquera outra circunstancia (densidade do lobo na zona, características do ecosistema, densidade doutras presas, etcétera). O Programa Life Coex da Unión Europea realizado en 2005 en cinco países europeos con presenza de depredadores en áreas gandeiras demostrou que a afectación causada por lobos sobre reses domésticas é do 0,51% dos censos oficiais. A Xunta de Galicia paga anualmente o custe de 1.300 reses mortas por ataques do lobo, o que representa o 0,1% do gando que pace en réxime extensivo. Este dato é moi inferior á mortalidade debida a outras causas como infeccións ou accidentes polo que resulta sorprendente o impacto mediático e social que suscita.

Dereito constitucional

A Constitución establece no artigo 45 o dereito a disfrutar dun medio ambiente adecuado e do deber de conservalo, así como o deber das administracións de velar pola súa conservación. Os propietarios, comuneiros ou arrendatarios do monte non poden degradar o medio ambiente, do mesmo xeito que o propietario dun can non pode maltratalo inpunemente.

Os ataques de lobos ao gando son a consecuencia dunha mala xestión do monte. As dúas causas principais destos ataques son a falla de grandes herbívoros silvestres e a falla de vixilancia dos rabaños. A solución ao problema é evidente. Finalmente, cómpre sinalar que, para unha voz tan autorizada como F. Bárcena, o caso dos lobos híbridos está a ser utilizado como escusa para acabar co lobo no Barbanza e favorecer a proliferación de gando ovino.

Nestes tempos convulsos que nos toca vivir é difícil defender o ben xeral ante o interese particular. Máis aínda cando a vítima da película é un animal tan odiado coma o lobo. Poderiamos dicir, parafraseando a locución latina popularizada por Hobbes, que o home tamén é lobo para o lobo.

A morte dun só lobo ibérico é máis prexudicial que a híbridación FOTo J.J. GONZÁLEZ VEGA