Balbino

La Voz

FIRMAS

04 jul 2012 . Actualizado a las 17:14 h.

Estoume vendo, rapaza de quince anos, lendo por primeira vez a novela de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego. Véxome, sentada no banco de pedra da casa familiar, impresionada pola dureza do que nos relata Balbino, aquel rapaz de aldea que é quen de transmitir forza e vida batendo contra a pobreza e a inxustiza na posguerra da nosa Galicia rural. Lembro con claridade as conversas cos meus veciños da aldea, de camiño ao instituto. Eran seis os quilómetros que percorriamos a pé cada día e faltábanos tempo para falar dos libros e da vida. Tamén daquela novela da verdade. Daquela historia que sentiamos tan cerca porque nela estaba reflectida a infancia dos nosos pais e dos nosos familiares.

Aquela lectura obrigada nos tempos do bacharelato converteríase co paso do tempo na novela máis lida da literatura galega e nunha obra literaria de referencia para moitos de nós. Eran os anos oitenta e daquela os nenos e nenas do rural disfrutabamos de tempos mellores ca os que nos relata Balbino. Malia que moitas familias vivían case dunha economía de subsistencia, das pensións dos avós ou de traballos esporádicos na construción. Eran casas cheas de traballo onde os rapaces e rapazas tiñamos que axudar nas tarefas cotiás antes e despois de ir á escola, pero nas que sentiamos confianza e ilusión polo noso futuro porque sabiamos dun horizonte nidio e aberto de posibilidades.

Mais xa estamos noutro tempo. E os que eramos adolescentes tócanos neste intre ser pais e nais. E non podemos sentir máis que unha fonda preocupación polo futuro dos nosos fillos. Porque o horizonte se tornou gris coma un lustro de néboa.

E neste mes de xuño no que se acercou ata o Barbanza a exposición Querido Balbino, con motivo do cincuenta aniversario da publicación da novela, non puiden máis ca pensar nos nenos e nenas da nosa Galicia rural. E anegoume unha tristeza inmensa. Porque sentín que poden ser eles os grandes ausentes na construción dun futuro para este país de noso.