Carlos Enrique López Crespo, alcalde de Outes, considera que mentres siga a sentir preocupación por resolver os problemas que intúe ou lle demandan os veciños, e teña forzas para resolvelos, seguirá aspirando a presidir a corporación municipal. O rexedor tamén se declara moi convencido de que Outes sairá fortalecido da crise económica, xa que as súas condicións medioambientais e paisaxísticas, a capacidade e interese dos veciños por progresar, e unha boa planificación dos servizos e infraestruturas públicas posibilitan un desenvolvemento equilibrado. Xunto a iso, entende que a proximidade coa cidade de Santiago tamén contribuirá a favorecer ese progreso socioeconómico.
-¿Que posibilidades de desenvolvemento ten Outes?
-Ainda que o momento non é o mellor, Outes dispón dunhas condicións naturais que propician un moi aceptable nivel de desenvolvemento. O marisqueo, a industria mariñeira, o turismo, a gandería e un amplo tecido de pequenas empresas representan o noso principal motor económico. Nun futuro, espero que moi próximo, a proximidade da capital de Galicia, a 25 minutos en coche, propiciará un maior índice de benestar económico neste municipio. O Club Náutico de O Freixo tamén debe supor un factor de desenvolvemento para o noso pobo.
-¿En que sectores deben centrarse as expectativas de emprego?
-Consolidando a produción e a comercialización marisqueira, cun bo funcionamento da confraría e da súa hackeri, promovendo o turismo, tanto no eido da gastronomía coma no da hospedaxe, facetas ambas nas que Outes está moi desenvolvido, e nas que é punteiro e referente en toda a nosa comarca. O apoio ás pequenas empresas que neste momento están a pasar un mal momento, tamén debe posibilitar a recuperación e a creación de bolsas de emprego. O feito de ter aprobado o PXOM debe xerar boas expectativas laborais.
-¿Atende o Concello as pretensións e expectativas culturais e de ocio dos veciños de Outes?
-Eses aspectos son prioritarios para o executivo local que presido, xa que ámbolos dous son prioritarios para achegarse ao estado de benestar. O extenso programa de actividades que se desenvolven nos pavillóns de Roo e da Serra, na Casa da Cultura e no Centro Social compleméntanse cunha intensa programación nos distintos centros sociais de cada unha das parroquias. Así, posibilítase unha oferta global para maiores, xóvenes e pequenos. Neste senso anuncio xa que na vindeira semana se remitirá a tódolos fogares a programación de actividades do verán con varias novas. Tamén confirmo que nestes eidos o gasto municipal incrementouse este ano.
-¿Mermou coa crise a prestación de servizos sociais?
-Nin mermou, nin vai a verse reducida a achega municipal para este cometido, como se reflicte nos orzamentos xa aprobados. Tanto no que atinxe á terceira idade, coma a servizos tales como educación, sanidade, igualdade ou desestrutura familiar, as achegas do Concello serán maiores que nos anos pasados. O departamento de Servizos Sociais, con doce traballadores, é un dos mellor dotados en persoal, e tamén un dos que presta unha mellor atención aos necesitados do municipio.
-¿En que proxectos anda metido actualmente o equipo de goberno de Outes?
-Non é tempo de grandes proxectos, pero ao pairo doutras Administracións queremos facer realidade a humanización da travesía de A Serra, concluir a senda peonil que bordea a franxa litoral costeira, e ampliar e mellorar a rede viaria local. Tamén aspiramos a mellorar a rede de saneamentos e o abastecemento de augas en tódalas localidades nas que haxa deficiencias.
«O feito de ter aprobado o PXOM debe xerar boas expectativas»
«O departamento de Servizos Sociai é un dos mellor dotados»
Crespo, na escaleira de caracol da remozada casa consistorial de Outes FOTO