Suplemento número 75 (mes de maio): "Na cultura queda moito por facer, comezando por valorar o que temos"

f. BLANCO ALCAIDE

FIRMAS

As creacións deste boirense teñen unha altísima calidade gráfica

04 jul 2012 . Actualizado a las 18:46 h.

A fantasía é un instrumento imprescindible para explorar e coñecer a realidade. A imaxinación é a linguaxe máis importante dos nenos, xogar coas palabras e as imaxes é o xeito que teñen para aprehender a vida.

Na literatura infantil, texto e imaxe compleméntanse tanto na súa función lingüística coma estética para formar un todo indispensable. O álbum ilustrado é un elemento de motivación fundamental na aprendizaxe e na consolidación de hábitos de lectura. Comunica ideas, crea mundos propios, potencia os sentidos, subministra emocións...

Así é o traballo de Rodrigo Chao Blanco. As súas ilustracións proporcionan o pracer de contemplar, imaxinar e sentir historias polo pracenteiro camiño das formas, cores e sensacións estéticas.

Son expresivas, moi divertidas, sempre orixinais e cun grande poder de suxestión. É un traballo dunha altísima calidade gráfica; fresco, delicadamente coidado e cun grande dominio do debuxo e da técnica.

Rodrigo Chao é unha persoa de mirada amable e expresiva, como os seus debuxos. As súas palabras inspiran confianza e, en certo sentido, envexa polo entusiasmo que transmite ao falar do seu traballo.

-A imaxe sempre foi importante na sociedade. Só temos que mirar ao noso redor para decatarnos da importancia que ten. A ilustración, o que nos brinda, é unha visión diferente do que nos están a contar. Os dous medios, a ilustración e a escrita, pódense utilizar de diferente forma pero cun mesmo fondo, e isto, precisamente, é o que fai que a ilustración nunca se deba tratar como algo secundario.

Falamos do debuxo infantil, dos propios nenos que organizan e estruturan o seu mundo por medio da palabra e o debuxo. E xorde unha pregunta: por que cando medramos, a medida que nos facemos máis prácticos e menos lúdicos, deixamos de debuxar?.

-De moi pequenos aprendemos a debuxar antes que a escribir. Poderíase dicir que todos somos debuxantes. De nenos o debuxo é unha ferramenta que serve tanto para expresarnos como para aprender. Na idade adulta imos substituíndo isto por outros medios de expresión como a escrita.

O neno, a diferenza do adulto, ten un pensamento máxico e a capacidade de poderse imaxinar unha realidade que se diferenza do pensamento lóxico. O autor de libros infantís e xuvenís debe recuperar e expresar sentimentos e sensacións do pasado, para que en forma de linguaxe escrita ou gráfica chegue ao seu destinatario.

-Supoño que ao fin e ao cabo non deixamos de ser vivencias ou recordos ao longo da nosa vida. Sexa cal sexa a linguaxe que utilicemos, sempre estaremos recorrendo a coñecementos ou experiencias pasadas. Logo xa é cuestión de poñelas en práctica e, a partires de aí, ir creando universos máis ou menos persoais.

Hai ilustracións que crean e outras que recrean, algunhas interpretan e outras simplemente acompañan ou, no peor dos casos, chegan a sobrar...

-Na miña opinión, unha ilustración nunca debe sobrar, en tal caso, podemos prescindir dela. Do mesmo xeito que unha narración ilustrada pode non precisar, en absoluto, do medio escrito.

Conexión entre linguaxes

A clave do xénero está na conexión entre as dúas linguaxes. Un bo exemplo desta conexión atopámola xa no seu primeiro traballo editorial Adiós ríos, adiós fontes, no que crea unha fermosa historia fundindo poesía e narración gráfica. Non imaxino mellor xeito de ofrecer a un neno os versos de Rosalía.

-Este traballo inicialmente foi concibido para o fin de proxecto na escola, idea que partiu da miña nai, a min gustoume, e decidín facelo. Comezou sendo un traballo de aprendizaxe que, ao final, foi publicado. Adiós ríos... fala dunha viaxe, condicionada e imposta pola necesidade de emigrar. Nisto foi no que me centrei á hora de realizar as ilustracións. Non me parei moito a pensar o vertixinoso que podería ser ilustrar un poema de Rosalía. De facelo, seguro que non me atrevía.

Rodrigo é un excelente debuxante, perfecto coñecedor do seu oficio e dunha rápida e notable evolución, sempre con algún proxecto enriba da mesa.

-Acabo de rematar as ilustracións da Odisea nunha adaptación xuvenil da obra de Homero para a Editorial Anaya. Actualmente estou a ilustrar o Novo Testamento, tamén nunha adaptación xuvenil para a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos e coordinado por Galaxia. Gustaríame moito realizar un traballo partindo dun texto propio. Levar a cabo tódolos procesos creativos sen necesidade de intermediarios, pero, de momento, isto vai ter que esperar.

ILUSTRACIÓN LEAndro

«De moi pequenos aprendemos a debuxar antes que a escribir»

«A ilustración, o que nos brinda, é unha visión diferente do que nos están a contar»