Un dos escasos oasis no deserto da poesía galega dos Séculos Escuros é o volume Fiestas minervales, y aclamación perpetua de las musas, unha homenaxe ao fundador da Universidade de Santiago, Alonso de Fonseca O Grande, volume que imprimiu Antonio Fráiz en 1697, que contén oito romances galegos que son a mostra máis numerosa da poesía académica galega do século XVII, onde dous homes do Barbanza colaboran cun galego expresivo e ricaz, fundamental para comprender as características do galego medio. Un deles foi o gramático Juan Antonio Torrado Mariño, do que o volume non ofrece máis dato que a súa profesión.
Polos estudos de Antonio Fraguas sobre o Colexio de Fonseca, sabemos que foi reitor do mesmo en 1677, ademais de catedrático de Artes en 1679 e coengo penitenciario de Compostela. Pertencía á familia dos Torrado con pazo en Asados, e emparentado con outras ilustres familias, como os Mera ou os Varela. O seu romance de oitenta versos obtivo o segundo premio no sétimo asunto do certame, Un corte de iubon de Raso, con su aforro de Tafetan. Álvarez Blázquez, que editou este romance en 1959 cualificou a peza de lixeira, fácil, chea de axilidade e riqueza expresiva. Domingo Blanco opina que logra un resultado moi satisfactorio con toques humorísticos. Morreu cara a 1709 e está soterrado no claustro da catedral compostelá co seu sobriño Carlos Sanmamed.