«Hoxe en día temos que buscar espazos expositivos alternativos»

A súa mostra «A mirada da luz» pódese ver con carácter permanente no fermoso pazo Torre de Xunqueiras pobrense

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

O pazo Torre de Xunqueiras de A Pobra abriu ao público un espazo expositivo permanente no que se poden ver obras do escultor e pintor Manuel Teira. Iso foi a comezos de mes e vén sendo algo «fóra do común», precisamente por tratarse dun lugar onde, en todo momento, vai estar exposta a súa obra, pezas que irán rotando. De feito, nos vindeiros días ten previsto mudar algunha. A mostra é posible grazas a un acordo do artista cos empresarios Javier e Pablo Pouso, responsables do restaurante O Lagar. Teira, un home «atemporal» e poético, titulouna A mirada da luz. Actualmente xa anda preparando outra, nunha galería privada de A Coruña.

-¿Como distribuíu as obras? ¿Son de recente creación?

-A exposición está dividida en tres salas. A primeira, con escultura e pintura, onde o esencial é o mundo feminino [na escultura de Teira, e aínda que a de corte abstracto sexa moi subxectiva, sempre está presente a muller]. A segunda, con máis escultura e pezas murais; e a terceira, con debuxos, nos que se pode ver como traballo, como os esbozos toman forma. En total, 47 pezas. A maioría delas pertencen ao último ano e medio. Son as que fun salvando de vender, pero intentando que quedase unha exposición equilibrada.

-Pois para manter ese ritmo, sempre ha de estar creando.

-Levo sempre un lapis no peto, porque preciso ideas case convulsivamente. Pinto as ideas en papel, nunha servilleta... e gardo todo iso nun caixón. Cando as preciso, ábroo, pero son tan perfeccionista que nin a miúdo esas me serven, e busco outras.

-¿Por que «A mirada da luz»?

-O granito co que traballo ten un brillo especial. Irradia unha luz por si só. Esta exposición é unha envolvente de luz e cor.

-¿Levar a súa obra ao pazo é un modo de achegala máis ao espectador, de xeito distinto?

-En certo modo. A Torre de Xunqueiras é un edificio emblemático por si só, así que, coa exposición dentro, se a xente vai dar un paseo ata el, pois fará unha visita dobremente cultural. Hoxe en día, e tal e como está a situación nos concellos, temos que buscar espazos expositivos alternativos. Mentres os políticos que están ao fronte deles non sexan conscientes de que detrás dunha mostra hai o traballo dunha persoa, moito tempo, gasto, esforzo... mentres non se potencie iso, ou se abran as salas de exposicións as fins de semana e se faga un catálogo algo que tal... Pero a cultura non debe ir buscalos a eles, senón eles á cultura, saír ver o que fan os artistas. Teñen que darse conta de que se un artista non vende, non pode seguir creando.

-¿Non se están a facer ben as cousas aquí na comarca?

-Teñen que cambiar moito. Os políticos teñen que darlle unha volta a isto, porque a cultura é un medio para sobrevivir, non unha arma. Por iso nos vemos na obriga de buscar espazos distintos aos dos concellos. Podo adiantar que se está redactando un manifesto de artistas do Barbanza no que se aborda isto, a situación que se está vivindo.

-¿Vostede vai tirando?

-Vou, pero na cultura non se vive, malvívese. A situación é cada vez máis difícil.

-Será que ás veces non se ve a arte como un traballo.

-É frecuente. Pero éo. Un esforzo físico e psíquico. Un escultor acaba coas mans escachadas.

-¿Que é da súa gana de facer unha grande obra pública?

-Segue aí. Todas as miñas obras, aínda que pequenas, teñen en parte esa dimensión, pero facer unha grande obra pública é moi complicado, sobre todo nunha comarca onde non se fan concursos de ideas, onde se marxina a quen as ten e as fabrica. Así estamos neste Barbanza turístico e cheo de democracia que din que é. En realidade, hai que dicir que a arte é para as ideas, e estas teñen que ter a posibilidade de darse a coñecer.

manuel teira escultor e pintor