«Publicar esta novela é para min un desexo cumprido»

Patricia Blanco
patricia blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Boirense, pero con familia paterna de Rianxo, aborda na súa obra a lenda sobre unha aldea abandonada de Leiro

01 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ela é de Boiro, pero a súa familia paterna vén de Rianxo. O venres, Natalia Carou Figueroa (1974) presentou no Curral do Marqués de Taragoña a súa novela O alento nas costas, logo de telo feito xa no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A obra está tramada en torno a unha lenda sobre unha aldea abandonada da parroquia rianxeira de Leiro, da que ela levaba oíndo falar «dende pequena». Tamén Castelao escribiu sobre ese pobo en Cousas. A obra de Natalia Carou conxuga pasado, pero tamén presente. Presentaraa en Boiro o vindeiro 17 de maio, no Pazo de Goiáns, e logo, nunha segunda sesión, ao día seguinte, na Pousada das Ánimas.

-¿Como entretece eses dous tempos de relato tan distintos?

-O que fixen foi interpretar esa lenda dende o meu punto de vista, creando unha novela dividida en dúas historias paralelas: unha que sucede nese tempo medieval da aldea e outra que o fai na actualidade, cunha moza extoxicómana que volve a Galicia logo de moitos anos, porque non deixa de soñar cun personaxe medieval... En toda a novela se entrelazan as dúas épocas.

-¿Por que «O alento nas costas»?

-É a sensación da protagonista cando chega á aldea por primeira vez, como se notase algo estraño tras ela, unha presenza...

-A súa primeira publicación...

-Levo escribindo dende nena, digamos que para min. Escribín moito, pero si, este é o primeiro libro que publico. Tamén o primeiro que escribo en galego, porque sempre o facía en castelán. Pero esta é unha lenda que transcorre integramente en Galicia, entre Taragoña, Ourolo, Rianxo, Leiro... Publicar esta novela é para min un soño cumprido, aínda que, en realidade, tampouco antes intentara publicar nada...

-¿Ese gusto pola escrita dende nena herdouno de alguén?

-Meu avó [Manuel Carou] era escritor, pero, como eu digo, era escritor para el mesmo. O seu desexo foi sempre publicar a súa obra, pero, por diversos motivos, polos tempos que eran... non puido ser. Esta novela inclúe unha poesía súa e tamén está dedicada a el, é coma unha pequena homenaxe miña.

-¿Probou vostede cos versos?

-Intenteino, pero non lograba transmitir. En cambio, O alento nas costas si ten bastante carga emotiva. O que busco sempre é espertar algunha emoción na xente, facela pensar sobre un tema. En todo o que escribo hai algún matiz da vida real, algo que faga reflexionar ao lector. Nunha segunda novela que ando preparando abordo o tema do maltrato. Trato de opinar sobre a cuestión, pero non directamente, senón a través da literatura.

-¿A quen se dirixe?

-Pensara O alento nas costas para adultos, pero logo enfocouse tamén cara os mozos. Non sería quen de escribir para nenos, de chegar a esa mente que eles teñen, así que me dirixo a un público máis ben adulto, e case sempre a través da novela.

-¿Por que escribe?

-Digamos que teño un traballo bastante estresante [nunha xestoría e é tamén administradora de fincas]. Escribir reláxame, permíteme evadirme. E agora que xa estou metida nisto, espero que non sexa esta a última novela que poida publicar [ri].

natalia carou figueira autora de «o alento nas costas»

Aínda que é o primeiro que publica, o libro xa se esgotou dúas veces en Boiro