«Custa moito sacar adiante unha actividade altruísta»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O colectivo Rodaxe, que puxo en marcha o certame OlloBoi, medra para dar cabida a artistas de distintos eidos

14 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de mestres do instituto da Cachada constituíu hai uns anos un colectivo denominado Rodaxe, que tiña como principal meta a creación audiovisual. Froito do seu traballo naceu o certame OlloBoi, que este ano acada a súa cuarta edición e está en pleno proceso de recepción de obras. Pero agora, con esta proposta xa consolidada, queren ir máis lonxe, e por iso están poñendo os cimentos dunha nova asociación, Marearte, promovida, entre outros, por Ana Moreiras.

-¿Que é Marearte?

-É unha asociación que ten un núcleo duro formado polos profesores que comezamos co Certame Audiovisual OlloBoi e que queremos que incorpore a artistas de outros ámbitos.

-¿Como foi que se uniron para poñer en marcha o OlloBoi?

-Todos somos profesores e xa nos coñeciamos, así que decidimos constituír un colectivo de mestres, Rodaxe, co que intentabamos introducir o audiovisual nas aulas, cada un na súa disciplina. Nese marco, puxemos en marcha o certame e, como suscita bastante interese, algo que nos motiva, decidimos continualo.

-¿Quen forma parte de Marearte hoxe en día?

-Pois estamos os cinco mestres do OlloBoi, unha artista de Ourense e un escultor de Boiro, pero cónstanos que hai debuxantes e artistas plásticos da zona interesados en sumarse a este proxecto. A idea é dar cabida a todo tipo de artistas e actividades culturais, e temos case todo feito, só nos falta firmar os estatutos e algún detalle máis para constituír a asociación.

-¿Por que decidiron dar agora este salto e incorporar novas disciplinas en Marearte?

-Por un lado, para definir unha liña de traballo conxunta, porque todos faciamos cousas polo noso lado e quedaban dispersas, e tamén para darnos certa entidade á hora de establecer contactos con outros artistas, e incluso coas Administracións á hora, por exemplo, de organizar unha exposición. Nós temos interese en crear e en difundir, e pensamos que esta formalidade nos pode axudar a facelo.

-E volvendo ao orixe de todo, agora mesmo está xa en marcha a cuarta edición do OlloBoi.

-Si, é xa a cuarta, e medrou bastante. O primeiro ano só participaron alumnos do centro, pero o ano pasado xa recibimos traballos máis profesionais, de escolas audiovisuais. O certame está interesando a xente de fóra do ámbito escolar, por iso este ano decidimos crear dúas categorías para separar os vídeos escolares dos profesionais.

-¿Cantos traballos se levan presentado na cuarta edición?

-Agora mesmo temos unha ducia de traballos, pero hai tempo. O ano pasado foron 77 e case todos se presentaron ao final.

-¿Interésanse os alumnos da Cachada polo certame?

-Si, de feito, os martes pola tarde queda no centro un grupo de estudantes para realizar actividades extraescolares e unha delas é a gravación de vídeos e documentais. Ademais, agora xa se percibe esa ansiedade por facelo ben, hai moito interese. A medida que chegan, imos colgando na web do OlloBoi os traballos participantes para que os vexan e suscitar unha competitividade san.

-¿Que me di dos premios?

-Niso estamos, o patrocinio do certame témolo que buscar coma se foramos unha orquestra de festa da xuventude, temos que falar coas empresas, explicarlles e proxecto e buscar axuda. O noso obxectivo é acadar os 1.200 euros e esperamos chegar. Este ano, quizais porque fixemos máis promoción ou porque é a cuarta edición e o eco dos certames anteriores chegou lonxe, as empresas están colaborando bastante ben. Pero custa moito sacar adiante unha actividade altruísta coma esta.

Ana Moreiras Integrante do colectivo Marearte