Galicia, zona altamente dependente do mar

Ignacio Vázquez

FIRMAS

12 feb 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Galicia asiste, desde hai 26 anos da incorporación de España á Unión Europea, á perda gradual das cotas pesqueiras e á redución de máis da metade da súa flota.

A vulnerabilidade na actividade dos seus sectores tradúcese en desaxustes produtivos e demográficos, para unha comunidade altamente dependente da pesca en canto emprego e renda, como é o caso de Galicia, co 47% da flota e o 52% do emprego da pesca en España e un PIB deste colectivo 25 veces superior á media europea. Isto conduce á concentración de riscos sociais moi elevados e a erros de formulación en política económica ou negociación de acordos.

Aínda que a pesca non ten un peso importante no PIB europeo, si o ten a importación de peixe -adquire fora máis do 70% da pesca que consume, a segunda partida de alimentos máis destacable das importacións da CE- cunha balanza comercial pesqueira negativa nun sector estratéxico para a súa economía. Só unha pequena porcentaxe dos peixes comercializados na Unión Europea se rexe directamente polas normas e obxectivos de sustentabilidade que marca a política pesqueira común, producíndose outra incoherencia máis por parte dos estados membros, que piden unicamente ao seu sector pesqueiro grandes esforzos e sacrificios en detrimento doutras flotas que abastecen o noso mercado, limitando a nosa soberanía alimentaria nun claro dumpin comercial e social para a nosa flota (lirio, pescada, xarda?).

A viabilidade das flotas galegas pasa pola revisión do principio de estabilidade relativa, que é o principio polo cal se repartiron as cotas ata a actualidade; necesita revisarse sobre un estudo serio e actual de impacto socioeconómico, o que sentaría as bases dunha distribución real máis xusta que acabaría co desaxuste actual de países con cota pero sen flota e outros coma o noso, con flota e cota insuficiente. Detrás deste reparto o que prevalece é unha guerra comercial polos recursos e de mercado.

Nun exercicio de autocrítica e co obxectivo de cambiar este concepto estático de reparto e de que se nos considere zona altamente dependente da pesca no 2012, ano da reforma da política pesqueira común, temos que elaborar unha estratexia común, necesitamos profesionalizar a representación negociadora do sector e crear equipos multidisciplinais (xurídicos, económicos, sociais, biolóxicos e industriais), estables no tempo, apoiados dende as universidades, Administracións e o sector produtivo, así como tendo presenza directa nos centros de decisión e participando tamén nas negociacións que se leven a cabo.