Noia ten fama, máis alá das súas fronteiras, de ser un concello festeiro. Os grupos e orquestras desexan subirse aos seus escenarios da vila, quizais polo calor que o público desprende, ou tal vez polo encanto das súas xentes. Non se sabe con certeza. O que está claro é que a reputación cultural do municipio non veu soa, senón que foi necesario o esforzo de moitas persoas para que sexa hoxe un dos puntos de referencia da cultura galega. O técnico Moncho Vidal leva máis dunha década mantendo o nivel da súa oferta.
-¿Cando lle empezou a picar o o verme da cultura e a colaborar co Concello noiés?
-Hai xa quince anos que comecei a traballar na primeira Feira Medieval, xunto con Concha Allut. Así empecei a colaborar e a engancharme a este mundo.
-¿Cales considera que foron os seus logros máis salientables ao longo destes anos?
-Participei na creación do festival de curtametraxes e fun testemuña da reapertura do coliseo Noela. Alí aprendín a utilizar diferentes aparatos de luz e son, para a proxección de filmes. Xunto coa Feira Medieval, por suposto, estes foron os principais retos que afrontamos.
-¿E as materias pendentes?
-A cultura de Noia estará orfa ata que se volvan a abrir as portas do coliseo Noela. Entón poderemos ofertar completas programacións e a nosa oferta será máis atractiva.
-¿Como está afectando a crise á cultura no concello?
-Procuramos, con esforzo, que o contexto económico non afecte. Tratamos de manter os certames e os premios. A pesar da crise, Noia poderá vivir este ano un día máis de entroido. A clave para manter o nivel é optimizar recursos. Non queremos recortar ningún festexo.
-¿Cal é a celebración que máis beneficios económicos reverte aos sectores do municipio?
-A Feira Medieval é fundamental pola cantidade de xente que atrae. Ademais, é destacable a repercusión do Rali de Noia, que consegue que a ocupación hoteleira se achegue ao cen por cen. As festas e os concertos tamén gustan moito.
-¿Cal é o segredo para que o municipio sexa coñecido xa polas súas festas en toda Galicia?
-A verdade é que contamos con celebracións que a día de hoxe xa son todo un referente no panorama galego. Os grupos, tanto de teatro como de música, queren vir actuar aquí. Por Noia pasaron os mellores, desde El Fary ata Miguel Bosé. Este último, cando veu deu o último concerto de Galicia. Tamén Amaral e outros grupos máis actuais se subiron a estes escenarios. O importante é que os que veñan contenten a todos os públicos.