O 13 de xaneiro o grovense Diego Portela recibía o respaldo da asemblea da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) para iniciar o seu terceiro mandato anual na presidencia da mesma. Catorce votos a favor, dous en contra e unha abstención recollen a confianza da maioría dos clubs galegos na xestión de quen se fixa o reto de modernizar e impulsar as estruturas do remo galego.
-Polo que se ve, dous anos de presidencia non chegan para completar o seu proxecto para a Liga Galega de Traiñeiras...
-Non. Deixas moitas frontes abertas. Cando chegas vas facendo contactos coa xente, coas institucións. E unha vez que vas facendo as cousas ben, vas conseguindo credibilidade. Creo que agora comezan a abrírsenos portas que custou moito abrir. Cando chegamos atopamos unha xerencia contratada pola anterior directiva. O que fixemos foi contratar unha nova. E con ela e coa administradora, que tamén estaba xa, creo que se lle deu unha estabilidade á Liga. No tema das regatas, na presentación e nas clausuras, xa se deu outra imaxe. De aí que recibiramos da Secretaría Xeral para o Deporte parabéns pola imaxe que se estaba dando do noso produto, a Liga, a finais da pasada tempada. E iso creo que nos vai abrir portas este ano no capítulo de patrocinadores. Ata agora estamos conseguindo o noso obxectivo. Mantendo o orzamento, cando se están a caer os orzamentos en todos lados.
-¿Cales serán as prioridades do seu terceiro mandato na LGT?
-Agora mesmo estamos involucrados na posta en marcha das dúas Ligas. Queremos levar este proxecto adiante, facer a Liga un pouquiño máis forte, e darlle máis emoción. Unha Liga un pouco máis atractiva para todo o mundo. Imos ter unha asemblea para comezar a fixar como se decide que oito equipos van á Liga A e que nove á B, os nomes das divisións, e as normas de ascensos e de descensos.
-Tras tres anos de Tirán en solitario, ¿ve a Galicia contando de novo cun segundo representante na Liga ACT no 2013?
-Coido que si. Estanse facendo proxectos, non vou dicir nomes, de clubs que queren subir. Pero a Liga Galega se está a converter nunha competición moi atractiva. Non é a mesma Liga de hai 10 anos. E iso fai que os clubs o pensen moito. A ACT é unha competición cara. O futuro do noso remo e dos nosos clubs pasa primeiro porque haxa unha Liga Galega forte.
-Os integrantes da directiva da Liga que precedeu o seu primeiro mandato esixíronlle a semana pasada unha rectificación tras afirmar vostede que se atopou cunha débeda de 30.000 euros, cando sosteñen que deixaron os seus cargos cun lixeiro superávit...
-Realmente non o dixen. Eu dixera nun medio de comunicación que nós remontaramos no 2011 unha débeda que tiñamos de 30.000 euros. Pero houbo unha confusión, e entendeuse que era unha débeda que había antes do noso mandato. Foi un malentendido. A miña intención non era colgarme medallas, nin botarlle terra por riba a ninguén. A débeda xerouse no 2010, coas retransmisións das regatas, ó producir nós os programas.
-O mundo do remo galego é tradicionalmente foco de disputas internas. ¿Cousa do pasado, do presente ou do futuro?
-Eu creo que este foi un caso aillado. Unha confusión, á que non lle dou máis importancia. Quédome co resto. Agardo que sexa unha cousa do pasado. E que no futuro camiñemos todos pola mesma senda. Ter unha Liga estable. O ano pasado houbo certos momentos difíciles na Liga, cando se caeu a regata de Pontevedra, cando tivemos que suspender a regata de Mugardos... e a directiva tentou ser o máis correcta posible, e conseguiu o respaldo da maioría.
-En novembro comentaba vostede a súa intención de facer da Liga Galega Feminina de Traiñeiras «unha competición máis seria e estable». ¿Como vai o seu propósito?
-Na Liga Feminina estamos traballando para que sexa unha competición máis longa. O ano pasado houbo poucas regatas, tres. Aprobouse que os equipos que estean nesta liga non compitan noutras. Sabemos que este ano é difícil que haxa máis equipos, a traíña feminina está arrincando. Pero estamos traballando. Non podemos adiantar nada por agora. Pero si podemos dicir que se vai mellorar a Liga, e que vai haber máis regatas.
-¿Rías Baixas terá que decidirse finalmente entre a Liga Galega e a Liga Euskotren?
-Si, si. Iso é unha decisión que ten que tomar o club. Porque se non nós temos que adaptar o noso calendario ao doutras ligas. Agora a Liga Feminina vai ir pola mesma normativa ca Masculina.