Un ben de primeira necesidade convertido en artigo de luxo

Carlos Fernández Coto OPINIÓN

FIRMAS

10 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Antonio e Lola, con apenas vinte anos, casaron e emigraron en 1970 a unha cidade vasca, el comezou a traballar de oficial de albanel e ela dedicouse á casa, compraron unha vivenda nun novo barrio preto do centro, un coche e sacaron adiante catro fillos, todo cun salario. Parece ficción pero foi realidade.

Hoxe non sería posible porque a vivenda converteuse nun artigo de luxo, un negocio no que todos queren gañar, dende o propietario da finca, ata o banco, o promotor inmobiliario e avezados intermediarios.

Non é posible que haxa que pagar por unha vivenda tres veces o que custa construíla, que haxa tanto intermediario disposto a encher o seu peto e que a Administración o permita. A esta haberá que dotala de ferramentas para que interveña activamente no sector inmobiliario, xa que o mercado non vela polos intereses do pobo, senón polos beneficios. Cómpre cambiar os mecanismos de transformación do solo e axilizar os trámites, non pode ser que todos paguemos o custo de urbanizar e os donos das leiras sexan os que se beneficien da construción das vivendas.

Algo estamos facendo mal e en algo nos estamos equivocando: a vivenda debería ser un ben de primeira necesidade, como o leite ou o pan, así o avala o artigo 47 da Constitución; porén, é un luxo ao que non poden chegar os mozos de hoxe, nin os que non son mozos.

Por outra banda, se analizamos os datos de crecemento das nosas vilas dende principios do século XX ata hoxe, vemos que estabamos a construír moitas máis vivendas das que necesitabamos, porque se estaban a construír para os turistas, o que significa que necesitaremos mellorar as infraestruturas: máis depuradoras, máis contedores de lixo, o que supón un sobrecusto para as arcas municipais. O modelo de crecemento de algunhas vilas non é o que lle convén á cidadanía, que non precisa vilas fantasma, senón lugares respectuosos para vivir.

Tampouco podiamos comprar esas vivendas, porque o prezo de venda estaba pensado para poderes adquisitivos de turistas de outras zonas máis ricas. Agora queixámonos de que non se venden as vivendas, o que significa que os turistas non as compran, porque nós nunca puidemos chegar aos prezos aos que se poñían no mercado.