A Real Academia Galega apoia que o monte Pindo sexa parque natural

J.M.S. MUROS / CORRESPONSAL< / span>

BARBANZA

27 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O colectivo Monte Pindo mostrouse exultante ao facer público o novo e importante apoio que logrou sumar á súa causa: a declaración de parque natural do monte Pindo. Trátase da Real Academia Galega (RAG), que a través do seu máximo representante, Xosé Luís Méndez Ferrín, secundou a actividade deste colectivo carnotán para conseguir que este espazo sexa declarado parque natural.

A asociación tivo constancia deste apoio o mércores e onte fixérono público a través da súa páxina web encomiando á RAG: «A Real Academia Galega é unha institución secular que coordina o conxunto das inquedanzas culturais galegas e tamén un dos máis importantes organismos para o noso idioma».

Foi o propio presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen se encargou de transmitir por carta o apoio da institución que encabeza. «Somos conscientes da precariedade da rede de espazos protexidos de Galicia, o que é indicador da pobreza política dominante. Naturalmente, a Real Academia Galega apoia a declaración do noso querido pedregal e monte Pindo como parque natural».

Críticas ao Goberno galego

A Asociación carnotán reiterou onte as súas críticas á Xunta asegurando que está a ignorar tanto as súas peticións como o gran número de apoios que lograron desde que iniciaron a súa reivindicación: «Desde a Asociación Monte Pindo queremos expresar o noso malestar e lembrarlle á Xunta que canto máis se nos ignore desde unha institución que tamén nós financiamos cos nosos impostos, maiores serán os desexos de acadar o noso obxectivo», sinalan.