«Aguiño e Cairu non son tan diferentes, úneas o mar»

A dirixente deste colectivo está encantada coa participación nun proxecto educativo no que se relaciona a vida nestas localidades ribeirense e brasileira


ribeira/la voz.

A asociación Sagres leva funcionando en Aguiño desde o ano 1997, e a súa presidenta é, desde os comezos do colectivo, María Ventura Sampedro. Trátase dunha asociación que se creou co obxectivo de defender o litoral. Recentemente, ademais, o colectivo foi elixido para formar parte do proxecto educativo Narrativas Dixitais, co que colabora activamente, organizado polas universidades de A Coruña e Bahía (Brasil), co apoio de Ecoarte e a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo. Hai uns días, pechou a exposición no local da confraría aguiñense cos resultados do proxecto, e a semana que vén instalarase a mostra no instituto Leliadoura.

-¿Como decidiron participar no proxecto «Narrativas Dixitais»?

-Fixáronse en nós, e estamos moi agradecidos aos directores do proxecto, Juan Freire e Karla Brunet, por elixirnos.

-¿Como se desenvolveu o traballo?

-Comezamos o traballo a principios do ano pasado. Primeiro, houbo que buscar a rapaces de entre 14 e 18 anos para participar, como fixeron tamén en Brasil. O obxectivo era que as dúas comunidades elixidas, Cairu (Brasil) e Aguiño, falasen en primeira persoa das súas realidades.

-¿Que teñen que ver Cairu e Aguiño?

-Démonos conta de que Aguiño e Cairu non son tan diferentes, porque ás dúas localidades úneas o mar, aínda que empreguemos distintos medios tecnolóxicos para as actividades cotiás ou a pesca. Para facer o traballo, os rapaces participaron en distintos obradoiros, de audio, vídeo, cartografía... Agora, preténdese colgar iso en Internet, no enderezo www.ecoarte.info/narrativas.

-¿Que foi o que máis lles chamou a atención na mostra destes días?

-Sorprendeunos, sobre todo, ver nos vídeos e fotografías escenas en Brasil que eran habituais aquí hai cincuenta anos, como lavar a louza e a roupa no río, ou a existencia de certos oficios tradicionais.

-¿Coñecía anteriormente esta localidade?

-Nunca oíra falar dela, pero sorprendeume gratamente. Teñen unhas paisaxes fantásticas, cos manglares. De feito, a algún dos rapaces xa lles entrou ganas de ir de visita a Brasil.

-¿Que supón para Aguiño participar neste proxecto?

-É algo moi importante, e permite que os máis novos se impliquen na vida na vila, que formen parte do que é Aguiño. Realmente, implicáronse os mozos e tamén o resto de veciños. Unha das actividades máis rechamantes que se fixo foi a elaboración de mapas e a recuperación de lendas. Por exemplo, a da praia de Celeiráns, onde se ían bañar as mulleres para favorecer a fertilidade.

-¿Que outras actividades organizan en Sagres?

-Fundamentalmente, facemos actuacións en defensa do litoral, para promover a calidade ambiental de zona. Pero, desde o ano pasado, implicámonos tamén no ámbito cultural. Comezamos co proxecto Mans salgadas, unha iniciativa que pretendemos continuar este ano. Imos realizar, con audio e vídeo unha cartografía sonora de Aguiño. Na actualidade, en Sagres contamos cun total duns catrocentos socios, de Aguiño, Carreira, Artes e o entorno.

-Tamén estiveron desde sempre moi implicados co tema da construción da depuradora. ¿Que novas teñen ao respecto?

-A raíz do tema da depuradora foi cando empezou a actuar esta asociación. Seguimos defendendo, como o fixemos sempre, que ten que haber varias depuradoras. Pero, por agora, non tivemos novidades ao respecto.

Votación
7 votos