Redeiras ao sol de inverno

Eme Cartea

BARBANZA

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un pobo sen mitos é un pobo sen fe no futuro. Galicia cre na forza da terra, realidade simbólica que nos converte en aves de paso e voo sedentario. Paraísos de lar e desterro. Os horizontes son lendas que emigran en prolongacións de falso progreso.

Nas Metamorfoses , Ovidio o gran poeta do amor celestial e profano, fala do mito de Aracne, fermosa e mortal, habelenciosa e oufana, que reta á propia Minerva, deusa da artesanía, a tecer un tapiz. A deusa non sabe perder. E transforma a rapaza en araña. A Historia foi sempre arañeira de odio e amor contundente entre homes e deuses. E logo aparece esta foto, de azougue gastado e sorriso abundante. Catro Marías Soliñas, catro redeiras a restaurar retallos de mar arborado. Cinco anos no adestro de agullas e xeitos de mallas. Escola do mar aberta á surada. Enxeñeiras, pois, en pespuntos e angazos de encaixe e relinga. Hic et nunc: As fiandeiras do mar velazqueño.

Dozura no rostro e lumbalxia nas costas. Confección, mantemento de artes e de aparellos. Vocación sen profesión. Real Decreto, coeficiente de xubilación reducida. Xaora! A lei vai detrás da xustiza. Penoso labor insalubre. Facerse visibles é remediar o cerco da morbilidade que anoa, doente, hernias discais con insomnios doridos.

Redes que abrollan en Federacións artesás de redeiras. Redes de puro intrusismo e soldadas de dous e tres euros á hora. Explotación sen disfrace. Traballo agochado a tecer riquezas alleas. Malvender dignidade e suor en xornadas extensas de sol e invernía.

Lírica estampa! Panos no mar enmallado de peixe e fartura. Panos na terra de bágoa e tristura. Chumbo nos pés e deriva na ollada. Frío no cope das mans atrapadas. Ai, a ironía poética! O mar, preñado e feraz, é feminino ou non é.