Homenaxe a Lugrís en Artes

BARBANZA

No Museo do Gravado expóñense obras de catorce artistas e un poeta que lembran ao pintor coruñés

15 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Áncora do alén

é o título da exposición que o pasado sábado inaugurouse no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira. Trátase dunha colección de obras que foron realizadas por catorce artistas plásticos e un poeta co fin de render homenaxe a Urbano Lugrís con motivo do centenario do seu nacemento.

O que pretenderon con estes traballos os artistas, e que agora quere reafirmar a sala de Artes mediante a súa exhibición, é o feito de reivindicar ao Urbano Lugrís que, alambicando imaxes e palabras, creou todo un universo artístico e persoal. Neste exercicio voluntario, os participantes traballaron de xeito persoal e tomaron como referencia matices ben distintos do carisma xerador do pintor coruñés.

Para esta Áncora no alén , empregaron os recursos da xilografía Branda, Inma Doval, Manuel Silvestre, Nacho Baamonde, Nando Lestón e Roberto Castro. O barco pertencente á gramática lugrisiana é convertido nun icono que ocupa toda a representación no caso da lámina elaborada por Branda, mentres que Doval presenta a figura da serea, á que dota dun potente protagonismo na composición.

Recorren tamén ao medio acuoso Silvestre e Baamonde, mentres que unha medusa é a protagonista da lámina de Lestón, e Castro presenta un mar de tintas.

Con simbolismos

Karlóm López e Víctor Espiñeira participan nesta exposición con traballos en linografía. O anecdótico das súas representacións é que conteñen simbolismos como as espirais, as referencias aos astros e a cor laranxa con todas as súas connotación auríferas.

A impresión litográfica foi a escollida por Carmen Cierto, Omar Kessel e Rubén Fenice. Os dous primeiros optaron por unha figuración moi relacionada cos debuxos do libro Illa de dous , que Lugrís realizou para o poeta Miguel González Garces.

A augaforte aparece nun derradeiro conxunto de pezas que, sendo crípticas, asumen un cariz similar ao que Lugrís empregou nos seus últimos traballos. Neste eido están as obras de Manuel Bonabal, Sebas Anxo e Sindo Cerviño.

No acto de apertura da colección, que permanecerá a disposición do público ata finais de xaneiro, déronse cita, entre outros, o responsable da fundación, Javier Expósito, e o concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano Fernández.