Imagen:Xurxo Ayán e Lukas Santiago abriron as xornadas falando do seu documental sobre Neixón

Repaso á historia de Rianxo

Unha conferencia sobre arqueoloxía inaugurou no Brea Segade un ciclo que se prolongará ata xaneiro


Baixo o título Petando nas portas da historia , o Museo Pedagóxico Castelao e a Anpa do colexio Brea Segade de Taragoña están a levar a cabo unhas xornadas a través das que se pretenden analizar aspectos vinculados cos costumes e coas tradicións de Rianxo e da comarca de Barbanza, ao tempo que se amosa o material fotográfico e audiovisual recompilado no centro. O ciclo de conferencias abriuse o pasado fin de semana e prolongarase ata xaneiro.

Para a inauguración das xornadas, proxectouse o documental Neixón, historia viva dun castro , e despois interviñeron os seus creadores, o director Lukas Santiago e o arqueólogo Xurxo Ayán. Os dous explicaron como se elaborou esta cinta, que fala do xacemento de Cespón desde o punto de vista dos profesionais que traballaron nas escavacións e tamén dos veciños do lugar.

Os promotores deste ciclo de conferencias xa teñen claros os temas das vindeiras sesións. Así, a charla de novembro tratará sobre o teatro en Rianxo e os integrantes de Airiños terán un papel fundamental. As súas intervencións complementaranse con imaxes de antigas representacións que pertencen aos fondos do Museo Pedagóxico Castelao.

Arte e música

A sesión de decembro estará dedicada aos pintores do municipio. Nestes intres aínda se está a recompilar material, pero xa está claro que a historia do artista de Taragoña xa falecido Constante Gil ocupará un lugar primordial.

O ciclo Petando nas portas da historia chegará ao seu fin en xaneiro, coa intervención dalgúns dos veciños que no seu día formaron parte da banda infantil de música de Taragoña.

O coordinador das actividades, Xosé Luis Dopico, explicou que o obxectivo é darlle continuidade ao traballo que desde o Museo Pedagóxico se fixo o curso pasado, consistente en recuperar fotos, vídeos e outro material a través dos pais dos alumnos e dos veciños: «Queremos programar actividades culturais fóra do horario lectivo, ás que poidan acudir os familiares dos estudantes».

A maiores, o museo segue a incrementar a exposición permanente do Brea Segade, que xa ten diverso material, desde apeiros de labranza ata vellas partituras e instrumentos. Nestes intres está a cobrar forma un apartado dedicado á ciencia, con aparellos do centro.

Votación
3 votos
Etiquetas
Anpas Agricultura Teatro Comarca do Barbanza Rianxo