«Sigo tendo o espírito dun heredeiro da crus, pero agora estou reformadiño»

BARBANZA

A música foino todo na súa vida. Agora, combina a súa faceta de roqueiro co traballo e, sobre todo, coa familia

17 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Javi Maneiro, ex cantante dos míticos Heredeiros da Crus, o grupo que fixo que o rock tivese geada e seseo, é destas persoas coas que un colle confianza aos dous minutos de coñecelo. Debe ser ese riso contaxioso que acompaña ás súas verbas o que fai que, malia tratarse dunha comunicación telefónica, a conversa acabe parecéndose máis a unha velada de taberna que a unha entrevista. Di que ten o día inspirado, pero dá a impresión de que, en realidade, o rapaz que tantas veces berrou ante miles de gorxas aquilo de «pero que jallo é» é capaz de soltar frases curiosas a calquera hora. Faino sen ter que darlle aos miolos demasiado e estea onde estea; basta dicir que fala, xusto, no tempo do bocadillo que ten en Frinsa, a conserveira na que traballa.

Precisamente, que estea na hora do bocadillo obreiro fai que a conversa empece por aí. E é que pensar en Javi Maneiro vestido con mono trae á memoria esas estrelas fugaces do espectáculo que antonte cantaban para miles de persoas e hoxe son uns currantes máis. Pero nada máis lonxe da realidade. «Eu nunca deixei de traballar, o de Heredeiros da Crus xurdiu cando estaba facendo FP, e é certo que conseguimos o éxito pronto, pero eu seguín currando na batea e despois xa na fábrica», di. Ao preguntarlle se nin sequera os míticos Heredeiros da Crus, os homes que chegaron a viaxar a New York, Sevilla ou Londres con provocadoras letras e mesmo poñéndose en calzóns sobre a palestra, poden vivir só da música, a Maneiro escápaselle esa risa contaxiosa e unha desas frases que levan a un do sorriso á reflexión: «Había moitos vicios que manter naquel momento, facían falta cartos».

A súa escola

Logo, Maneiro utiliza verbas como «desmadre» para cualificar o que supuxo para aqueles rapazolos de Barbanza converterse nos roqueiros galegos dos noventa, en boa parte, grazas á provocación no escenario. «Heredeiros da Crus foi a miña gran escola, eu antes aprendera a tocar a guitarra en solitario, pero nunca estivera noutro grupo. Tamén foi unha época de moito desmadre. Todo o que eu tiña que bailar xa o bailei naquela época, e por riba en calzoncillos», di, mentres volve rir.

Con esa frase, un chega a pensa que cando no 2004 Heredeiros da Crus baixou o pano e cada compoñente do grupo tirou polo seu lado, Javi Maneiro foi dos que non volveu coller o micrófono. Craso erro. Todo ao contrario, xa sacou dous discos co seu novo grupo e, para finais deste ano, espera ter na rúa o terceiro. Chámanse Jabon blue. E o nome da formación ten o seu aquel: «O de Jabon ven porque era un dos alcumes que tiña eu, e o de blue fai referencia ao mono co que traballo todos os días, que é desa mesma cor», di Maneiro. E logo remata a frase cunha definición do seu grupo que, en lugar de provocarlle a gargallada a el, fai que quen escache coa risa sexa a persoa que o entrevista: «Os Jabon Blue somos xente que se asea a diario e soamente suda cando sae ao escenario».

O espírito

Un insístelle en que a frase xa a traía feita. Pero el di lle saíu espontánea. Tanto, como todo ese ritual provocador que amosaba Heredeiros da Crus sobre o escenario: «Saíanos así, dábamolo todo en cada concerto», sinala. E entón é cando se lle pregunta se é certo que o tempo o cura todo e agora xa non queda moito daquel mozo ao que lle daba igual tocar con roupa que espido: «Sigo tendo o espírito dun heredeiro da crus, pero agora estou reformadiño». Outra vez, a risa manda na conversa.

Sen embargo, por moito que faga bromas, vese ben que iso de que agora anda máis guiado é certo. Faise notar cando fala do seu rincón favorito, que é a pedra da Ra, en Ribeira. Di que lle da moita liberdade, malia que ten ido acompañado das súas fillas. Entón, xorde a pregunta: ¿Así que es un roqueiro con fillos? «Si, si, casado, e cunha meniña de 11 anos e outra de 6... e outra máis grande de 35», di. E engade: «Supoño que o cambio é ese, que segues tendo espírito roqueiro e lle pos as mesmas ganas que antes, pero agora tes outras responsabilidades, agora es ti o que menos importas, o último no que debes pensar».

O tempo do bocadillo está xa a piques de terminar e, entón, volve xurdir unha pregunta que camiña entre a vida de músico e de traballador de Frinsa de Javi Maneiro. ¿É máis fácil ganar o xornal nunha conserveira ou dando pinchos no escenario? «Creo que é máis dura a fábrica», sinala. E algo debe saber diso. Porque quen fala é o home que cantou cousas como «son fillo de José», que acabaron convertidas en clásicos das boas festas. Quen fala é un traballador calquera. Que non corrente. Porque, senón, non podería pronunciar a súa última frase: «Gústame a pedra da Ra para ir pensar, por iso de que se debe pensar en frío... e alí vaiche un aire sempre...».