Ramón Piñeiro, a música e Taragoña

X. Ramón Brea Rei

BARBANZA

O homenaxeado no Día das Letras Galegas deu un emotivo discurso o 31 de xaneiro de 1978 con motivo da presentación da banda infantil fundada na parroquia

29 sep 2015 . Actualizado a las 16:35 h.

O día 8 de nadal do ano 1977, coincidindo coa celebración do terceiro aniversario da fundación do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, presentábase en sociedade, diante de tódolos socios, unha das grandes realizacións da nosa parroquia, a Banda Infantil de Música. Proxecto nado coma un soño engaiolante que, logo de moitos esforzos e atrancos, á fin callaba. Volvía a Taragoña, despois de moitos anos de tradición musical coas bandas, unha formación que ía ser canteira de profesionais para a música de toda Galicia. Presidía daquela a Sociedade Manuel Esperante, e a el lle correspondeu a honra de botar a andar unha iniciativa senlleira, na que os pais e nais foron a forza e o apoio permanente. A Banda dos Pinchudos, a sonada banda que enchera de melodías varias décadas de comezos do século XX, xa tiña o relevo nun fermoso fato de rapaces e rapazas, ilusionados e cun futuro esperanzador. De contado, a Banda Infantil de Taragoña vestiríase de gala nun concerto moi especial, levado a cabo na Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Santiago, o día 31 de xaneiro de 1978, no que fixo a súa presentación oficial, en público, baixo a dirección dun entrañable músico, Xosé España Lorenzo. O acto, cheo de emotividade e entusiasmo, congregou a un numeroso público que arroupou aos pequenos músicos que xa eran quen de tocar, sen complexos, fóra das aulas do local social. Mais naquel concerto musical terá un protagonismo especial un persoeiro que está a encher este maio cultural en Galicia. Dos presentes no Auditorio, xa moi poucos lembrarán a presenza e a voz do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2009. O académico da lingua e egrexio ensaísta e galeguista Ramón Piñeiro foi o encargado do discurso de benvida e presentación da Banda taragoñesa. A palabra meditada e entusiasta de don Ramón foi recorrendo as motivacións do nacemento da formación, relacionándoo co sentimento popular e coa entrega da colectividade a unha causa cultural. Para Piñeiro, o verdadeiramente insólito era que uns rapaces dunha parroquia rural, a mediados dos anos 70, alleos a estudos musicais académicos, fosen quen de conformar unha agrupación musical, sacrificando o seu tempo libre e deixando de lado os xogos e diversións propios destas idades. Intervención Así comezaba a disertación o eminente ensaísta da Filosofía da saudade: «As grandes escolas musicais de Europa e América, hoxe encóntranse cun acto completamente inusitado, completamente novo, completamente orixinal, por dúas razóns fundamentais: por tratarse dunha organización musical, unha banda infantil, e porque é unha agrupación musical que non nace á calor dos grandes conservatorios e centros, senón que nace nun medio rural, campesiño e mariñeiro da nosa terra». Máis adiante, na súa intervención, argumentaba Ramón Piñeiro que a xénese da banda había que buscala no medio social, enraizando así o feito cunha longa tradición musical nas terras rianxeiras: «Un feito así, tan inesperado, tan insólito, non se pode producir de súpeto, non se pode producir da nada. Un feito así responde á realidade viva, ambiental, na que todo é expresión». Fiel á súa concepción da arte coma esforzo colectivo que nace da tradición e alma populares, consideraba Ramón Piñeiro dunha grande importancia que un grupo de nenos e nenas sentisen de preto a chamada da música, polo que significaba de formación espiritual e gabou o entusiasmo e esforzo de toda a colectividade social: «Este marabilloso espectáculo de medio centenar de nenos, moitos deles fillos de mariñeiros e campesiños, que veñen da banda da ría de Arousa a darnos hoxe un concerto aquí, non sería posible se no ambiente que naceron e criaron non existise unha calor colectiva, unha capacidade de entrega e de entusiasmo polas iniciativas colectivas que fan posible este feito. Tampouco sería posible se non existira no ambiente unha tradición musical como en Taragoña», sinalaba Piñeiro. De remate, as palabras de Ramón Piñeiro foron para Taragoña ao tempo que subliñaba a relevancia dunha creación asociativa destas características nos tempos que Galicia estaba a vivir, en plena transición democrática.