Puxo ao núcleo barbancés como exemplo para a transformación de Galicia

La Voz

BARBANZA

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Piñeiro sabía ben do valor que tiña potenciar os movementos asociativos, as iniciativas de grupo, o pobo coa súa cultura e a súa lingua, nun momento no que aínda planaba a sombra alongada do franquismo: «Hoxe espalladas pola nosa terra, hai entidades que pensan na Galicia do futuro e que traballan por ela. Pero nesta xeografía colectiva da Galicia actual, Taragoña, a parroquia de Taragoña, ocupa un lugar especial. É o exemplo da Galicia que desexamos, pola súa conciencia de solidariedade, polo seu fondo espírito de comunidade, pola súa confianza na forma creadora de vontade colectiva, Taragoña é o exemplo vivo da Galicia do futuro, xa que posúe a ética social que nós temos que espertar en tódalas nosas parroquias para poder levar a cabo esa gran transformación vitalizadora de Galicia».

Nas palabras de Piñeiro hai ecos do outro grande Ramón. Otero Pedrayo cría profundamente nos valores da Galicia rural, garante das tradicións, e na súa capacidade de rexeneración espiritual: «Hoxe temos a ocasión de render homenaxe á parroquia de Taragoña. Temos a ocasión de renderlle homenaxe a través desta banda infantil. E eu definiría esta homenaxe dicíndolles ás nenas e nenos de Taragoña que, mentres dure o concerto que nos van dar, no corazón do Auditorio, Taragoña será a capital espiritual de Galicia»

De seguido, o colectivo musical interpretou o seu repertorio e ao remate unha fervorosa ovación encheu de emoción o espazo do Auditorio. Postos en pé, os pequenos músicos lanzaron ao público caraveis, símbolo do agradecemento e a solidariedade cos asistentes.

Mentres os acordes se apagaban, as palabras de Ramón Piñeiro seguían a resoar polo medio dos instrumentos, sonoras, diáfanas, saudando os novos tempos, a unha Galicia que se espreguizaba, valente, capaz de confiar no traballo solidario, capaz de crear unha banda de música e ilusionar a grandes e pequenos dunha parroquia rianxeira.

E coma se dunha premonición se tratase, aquela banda encheu de músicos e música os camiños de Galicia enteira e soubemos que no esforzo colectivo está a salvación das culturas. E a nós gústanos lembrar que un día, Taragoña foi «a capital espiritual de Galicia».