A asociación Barbantia e o Museo Pedagóxico Castelao presentaron en Taragoña o disco «Son de Rianxo»
18 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O colexio Brea Segade de Taragoña foi o lugar elixido para a presentación do disco Son de Rianxo , unha iniciativa abandeirada pola asociación cultural Barbantia e o Museo Pedagóxico Castelao, e que recompila composicións populares interpretadas por agrupacións e músicos rianxeiros.
Grazas a este proxecto, unha boa parte da memoria sonora dos gaiteiros de Rianxo, que corría o risco de desaparecer, está agora reunida nun disco compacto e na aula do museo Castelao.
A presentación do cedé levantou unha gran expectación e as instalacións do Brea Segade quedaron pequenas para dar cabida a todas as persoas que se interesaron por esta iniciativa. Entre elas estaba a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Milagres Lantes, así coma o profesor e coordinador do proxecto, José Luis Dopico Orjais, e Milagros Torrado e Adolfo Muíños, membros da xunta directiva de Barbantia.
Memoria musical
No disco, que pretende recuperar a memoria musical de Rianxo, participaron os grupos Río de Anxo, Vai de Roda, Café ao Tisón, Buxaina e Os Cangrexeiros, ademais dos músicos locais Ramón Carou e Xosé Figueira.
Gravado nos estudios da Radio Galega, o cedé inclúe composicións coma Gaiteiros de Cerqueiras , de Xosé Figueira, e Airiños da nosa terra , de Carou, así coma outras obras de Xosé Ces Lorenzo e Xosé Romero Suárez, fundador do grupo de música Os Rosales de Asados.
Son de Rianxo
é un dos eixos do proxecto Educaldea, que resultou gañador da cuarta edición do proxecto didáctico Antón Fraguas e no que se enmarca a creación, na biblioteca do propio centro de ensino de Taragoña, da aula-museo Castelao, onde se instalará unha exposición con fondos patrimoniais e etnográficos cedidos polo alumnado e polos veciños de Taragoña e de todo o municipio.
Especial relevancia terá neste museo o apartado musical, unha disciplina que sempre tivo moita importancia en Rianxo. Así, a biblioteca do Brea Segade albergará partituras, unha gaita orixinal do artesán compostelán Basilio Carril -cedida polo gaiteiro Ramón Carou- e fotografías antigas de formacións musicais rianxeiras.
Ademais, disporá dunha hemeroteca virtual de autores de Rianxo, con algunhas obras de difícil acceso como as Décimas al Apóstol Santiago, de Martín Torrado.